Opinión

Orquestra Cinema

O cartel da Orquesta Cinema.
photo_camera O cartel da Orquesta Cinema.

Aínda que hai moitos anos que deixei de ser verbeneiro, non tiven máis remedio que poñerme ao día cando desde TVG me encargaron conducir algúns programas nos que as nosas grandes e pequenas orquestras eran e son as protagonistas principais. Lembro aquel momento alucinante no que de repente vinme subido no alto dunha tarima no medio e medio da Praza de Fefiñáns de Cambados para presentar o “Vinte Aniversario da Orquestra Panorama”. Nunca tal cousa vira, quedei abraiado cos centos ou miles de persoas, non sei o aforo exacto de dita praza, que enarboraban bandeiríns, panos e bufandas de dita formación, e coreando todas as cancións que Lito e toda a sua troupe lles ofrecían, moitas delas acompañados doutros artistas galegos e do resto do Estado. Eu escoitara falar moito da “Panorama”, pero nunca a vira en rigoroso directo, nin tivera a oportunidade de presentala como fixen esa noite por encargo da miña canle televisiva.

Pasaría un tempiño ata que de novo me vin diante dunha orquestra que tamén me deixou impactado pola súa xuventude, a súa forza e a súa posta en escea, aproveitando todo o potencial humano e escenográfico ata o indecible para sorprender en cada canción ou en cada remix. Era a Orquestra Cinema e actuaba en Vilanova dos Infantes, onde eu dera minutos antes o pregón da festa da Virxe do Cristal, a onde tantas veces fora desde Allariz na miña xuventude por aquelas curvas de noso Señor que comunicaban a miña vila con Celanova, e onde como xa contei nalgunha outra ocasión eramos quen de ir sete amigos metidos no Mini do amigo Visi. Tiña que viaxar connosco necesariamente un anxo da garda, sobre todo cando volviamos cara á casa ás tantas da madrugada, e sabe Deus como. Por estes e outros recordos, como cando “Los Arquinos” tocaron como peza de baile o Himno Galego e a xente bailouno como se fora un bolero de Armando Manzanero,  esa noite do Cristal quixen chegar con tempo e cear coa comisión organizadora, fantástica por certo, e quedarme despois do pregón a escoitar e ver a aqueles rapaces que suaron a camiseta ben suada. Non me extraña nada que se autobautizaran como  “A Orquestra máis Agresiva de Galicia”. Agresiva non sei se é, pero a forza e a capacidade de comunicación e interacción son realmente alucinantes. Os irmáns Romero, César e Raúl, almas máter da formación cantaban e dirixían con sabia batuta toda aquela montaxe que nos fixo pasar unhas horas do máis divertido.

Acabo de recibir o seu último disco titulado “El poder de la actitud”, e a súa actitud non pode ser outra que a de seguir tirando para adiante, contra vento e marea, para alegría da enorme lexión de “Cinemistas” que adoran á súa orquestra, mercando todo o “merchandising” que cada pouco sae da factoría dos “Romero pa ti”.

Estarei encantado de recibilos en xaneiro no plató de “Bamboleo” para presentar as súas novas cancións e saber un pouco máis de como son quen de manter ese espírito e esa fortaleza que esta pandemia maldita truncou a moitas outras formacións. 

Gustoume ver como no disco aparece o nome do gran músico Carlos Barruso, quen tivo a valentía de organizar un concerto de despedida no mesmo momento que lle diagnosticaran un cancro terminal. Titulouno “Carlos Barruso e amigos. Concerto Fin de Vida”, un concerto que podería encher varios teatros. Eu creo que gran parte desa fortaleza herdárona estes amigos de “Cinema” con quen tanto colaborou. É “O poder da actitude”.

Te puede interesar