Opinión

Paseando por Baiona

Vista do porto de Baiona, dende o Parador de turismo.
photo_camera Vista do porto de Baiona, dende o Parador de turismo.

Aproveitando que a tarde na que estou escribindo estas liñas é soleada e dunha beleza outonal realmente de almanaque, funme pola costa ata o Parador de Baiona a tomar o café e gozar coas incomparables vistas que desde alí se contemplan. E recordar, como non, desde exactamente o mesmo lugar no que tivera lugar, aquel desfile de moda que presentei hai xa moitos anos a beneficio de Aldeas Infantiles, na época en que dita organización estaba presidida pola súa fundadora en Galicia, Rita Regojo. A pasarela fora programada pola exclusiva perruquería ourensá “Maruska y Claudio”, con quen tantas veces colaborei; pero esta ocasión era especial, tanto pola causa como polo lugar elexido para o evento.

As almeas do Parador e os seus paseos empedrados sobre o Atlántico convertéronse en marabillosas pasarelas e escenearios desde os que ofrecer un espectáculo de luxo á moita concorrencia. Digamos que polo lugar elexido e por ser pleno verán alí estaba o todo Ourense, o todo Vigo e parte de Pontevedra. E alí estaba conmigo o estupendo realizador de televisión ourensán Miguel Piñeiro, con quen compartín varios días de organización e risas. Sempre recordo con moito cariño a este meu amigo, porque foi a única persoa que tiña aínda máis  claro ca min que algún día remataría na Televisión de Galicia, e así mo volvía recordar nesas xornadas en Baiona, como xa fixera naquela divertida reportaxe fotográfica que nos fixera a un grupo de amigos no Santuario dos Milagros en Baños de Molgas.

Pois o café no Parador desta tardiña que lles conto converteuse nun encontro multitudinario con excursións de Ourense e Ferrol, no que as “miñas marabillosas señoras”, seareiras de todo o que fago na radio e na tele, enchéronme de bicos e transmitíronme feixes de boas vibracións. Nin que dicir ten que para a excursión vestiron as súas mellores galas e pasaron previamente pola perruquería, como ten que ser. Algunha delas xa me transmitíu a súa fidelidade ao programa de radio dos venres e sábados pola noite aínda que teña que quitarlle un pouco o soniño. Un pracer paliquear un chisco con elas e que che conten algo das súas vidas, porque é xusto e necesario escoitalas toda vez que elas me escoitan, ven e seguen desde hai tantos anos. 

E de Baiona parada obrigada en Praia América, esa que pertencendo aos veciños de Nigrán deben compartir no verán con non poucos vigueses e moitos ourensáns e madrileños que alí teñen a segunda vivenda, maiormente adquirida nos tempos en que non existía o turismo de masas, e nos que a inmensa maioría tiñamos que conformarnos con ir ao río ou á piscina, que tampouco era cousa menor, sobre todo se tiñas a sorte de nacer e criarte nun dos pobos máis fermosos do mundo mundial, como é Allariz. 

Eu disfruto moito nestas tardiñas soleadas de outono dando un paseo polas case desertas praias do sur de Galicia, parándome a facer ducias de fotos e pasmando con calquer barquiño que por alí ande enredando ou faenando; sinto que son un privilexiado por poder gozar con eses momentos, pensando mesmo nos propietarios dalgunhas desas marabillosas casas de primeira liña que igual están botando escuma pola boca metidos nun atasco interminable por La Castellana madrileña, agardando a que pasen pronto os meses para poder volver ao Paraíso galego.

Te puede interesar