Opinión

Pasión Vega

Encher o Teatro Real de Madrid tres veces en menos de catorce meses é algo que pode facer que un artista se sinta na gloria. É o caso da cantante andaluza Pasión Vega, a quen, por méritos propios, volven abrírselle as portas deste templo da arte para presentar os seus “40 Quilates”, que así titula ao seu último traballo discográfico do que un adianto poderemos gozar esta noite en “Bamboleo”.

Cando un recibe a Pasión Vega no plató sente que está recibindo a unha desas mulleres que deixan pegada por onde van, o mesmo que ocorre cando nos visita Dulce Pontes, conseguindo nos seus ensaios que todo o equipo quede ensimesmado durante o tempo que duran os mesmos, para rematar cun sentido aplauso espontáneo que as artistas agradecen de corazón.

Atrás quedan aqueles anos de inicio de carreira cando esta madrileña afincada en Málaga e Cádiz ganaba o concurso “Pasa la Vida” de TVE, presentado por María Teresa Campos e no que se lle daba a oportunidade de triunfar a xóvenes valores da música; nun tempo no que tamén probou fortuna no sempre recordado Festival de Benidorm, por onde teñen pasado prácticamente todos os artistas que neste País foron ou son algo; ela acudía daquelas cunha fermosa canción composta pola tamén grande Laura Granados.

Desde entón Pasión Vega grava e canta en solitario e cos mellores intérpretes deste país, tocando múltiples rexistros e estilos que a encumbran e fan dela un referente da música de categoría; triunfa en España e en América e recibe por méritos propios a Medalla de Ouro de Andalucía, sendo nomeada aos Grammy Latinos como mellor Album de Pop Tradicional. E aínda que cada un dos seus discos é agardado como auga de maio pola súa lexión de incondicionais, será “Pasión por Cano” o disco que lle dea múltiples satisfaccións e recoñecementos. Para elo contou coa colaboración da Orquestra de Radio Televisión Española e coa gran dama da canción María Dolores Pradera con quen interpreta “Aires de Cuna”.

De todos os artistas cos que ten colaborado ou dos que con ela colaboraron sempre destaca a súa debilidade por Joan Manuel Serrat e a súa canción “Lucía”, facendo de “Mediterráneo” o seu album de cabeceira. Confesa que un dos momentos memorables da súa carreira foi cando puido cantar a dúo co mestre catalán a citada canción no programa “La Noche Abierta” de Pedro Ruiz. Aínda que tamén reserva grandes eloxios para outro dos seus grandes referentes, o cantautor Joaquín Sabina.

Confésolles que é facilísimo traballar con esta muller e con todas as que como ela son auténticamente grandes; soamente esixen que o son sexa perfecto porque sempre cantan en directo, como últimamente fan a maioría dos artistas no noso programa, e crear un clima de complicidade cos espectadores que amablemente nos visitan no plató durante as gravacións, aos que mete no peto desde as primeiras notas de cada canción. Esta noite vai estrear no programa a canción “Querría” en primicia mundial, e para nós vai ser un auténtico orgullo. Non somos o Teatro Real pero trataremos de que na nosa compaña a gran Pasión Vega se sinta como a auténtica raíña que é.

Te puede interesar