Opinión

Pauliña “a malfalada”

Dí esta artista cambadesa que dentro do seu periplo vital dos últimos anos onde se sentíu máis a gusto foi en Ourense, onde a trataron como na casa por ser terra, según ela, de grandes compositores, afiadores e excelente licor café, ao que tan ben lle cantou sempre o grupo “Lamatumbá” e lle seguen cantando os amigos de “O Sonoro Maxín”, que actuaron onte en Compostela e hoxe actúan na Sala Rebullón de Mos, coa súa última proposta “De Navallas e Cumbias”.

Non é estraño que Pauliña sinta un amor especial pola nosa terra, xa que foi no “OurenRock” onde se deu a coñecer presentando o seu primeiro disco “De-Xeneración” e onde conseguíu meter a público e crítica no peto, arroupada como vai sempre por uns excelentes e experimentados músicos. Nese concerto ourensán xa deixaba claro por onde quería que fosen as cousas na súa carreira; o pop, o rock, o soul ou o country tiñan que levar marcadas a lume as letras de compromiso social e feminista. Será por iso que o seu segundo traballo sae ao mercado mañá domingo, cando comeza unha semana intensa para todas e todos as que facemos noso o lema do Día Internacional da Muller a celebrar dentro de sete días: “Son da Xeración Igualdade. Polos dereitos das Mulleres”. Tampouco é casualidade que nas últimas semanas teñan pasado polo “Bamboleo” radiofónico e televisivo solistas e bandas de rapazas moi novas que unen a frescura, a paixón e a sinceridade dos seus poucos anos co compromiso decidido e a loita polos seus dereitos, como é o caso ademáis de Pauliña que hoxe estará no noso plató, de “Tanxugueiras” co seu “Contrapunto” ou “A Banda da Loba”, que estiveron a semana pasada no programa para presentarnos “Fábrica de luz”, onde todo xira en torno á figura da nai no máis amplo sentido do termo e ao empoderamento feminino.

A “Malfalada” de Pauliña é un disco cheo de forza, a mesma que ela descarga en directo, que fai que ao mesmo tempo que nos transmite as súas inquedanzas e a maneira de ver o mundo, nos convide a bailar polo moito ritmo que os seus músicos e a súa voz nos transmiten; e como sei que aos artistas de verdade lles encanta nomear a quenes acompañan as súas gravacións e xiras, dicir que con Pauliña están o baixista Lolo Arincón, quen á súa vez produce, grava, mestura e masteriza o disco xunto co guitarra Paco Montoto, que se encarga tamén dos arranxos e da dirección musical; completando a banda Julián Gullón na guitarra eléctrica e Iago Jorge na batería, que esta noite veremos xuntos no plató de “Bamboleo”.

Tamén estará facendo festa a sempre marabillosa Lucrecia, a cubana que nos chegou un día coa Orquesta Anacaona e que neste lado do charco botou raíces para alegrarlle a vida a maiores e nenos, alternando o show infantil dos “Lunnis” cos seus musicais e concertos homenaxe á súa outra nai, a gran Celia Cruz. Lucrecia é así mesmo a creadora dos Premios “Alegría de Vivir”, que van pola octava edición e que se entregan o vinte de marzo en Barcelona, galardoando este ano ao escritor e showman Boris Izaguirre, á diva Ainhoa Arteta, ao humorista Carlos Latre, á cantante Karina polos 50 aniversario de “Las Flechas del Amor”, e a moitas outras figuras da cultura, o deporte, a empresa, a moda ou a comunicación. E un paxariño contoume que neste último apartado, e se me porto ben, o próximo ano tocarame a min ir recoller un destes prezados galardóns. Será unha honra.

Te puede interesar