Opinión

Pequeno Periplo Primaveral

Ben é certo que o fixen antes de escoitar ao Conselleiro de Sanidade pedindo que non nos desplazásemos demasiado polo País, aínda que non estea prohibido salvo nun par de casos con concellos perimetrados. Pero tamén é certo que o noventa por cento do tempo paseino no coche, desde onde gozo vendo este precioso inicio de primavera coas árbores agromando cunha rapidez inusitada, e pintando a paixase con múltiples cores, mentres as cunetas de moitas estradas aparecen dun día para outro pragadas de fermosas calas, “cartuchos” ou “cornetas”, como lle chaman nalgúns lugares, e que é unha das miñas flores preferidas.

O que me guste especialmente esta flor penso que se debe a que na miña nenez, e imaxino que agora tamén, eran as máis utilizadas para adornar os fermosos “Monumentos” do Xoves Santo e mesmo os altares do mes de maio cando se lle cantaba á Virxe, e imaxino que se lle seguirá cantando, o de “con flores a porfía”, sen saber moi ben o que significaba dita palabra.

Pois un día máis, aproveitando estes soliños de finais de marzo, e aínda que sexa soportando o molesto nordés da costa, fun de ruta gastronómico-paisaxista, comezando como case sempre polo Morrazo e facendo a primeira parada para “repostar” no “Ovella Negra”, rexentado por Pablo, fillo do querido amigo Xil Ríos, do que seguramente herdou o seu bo facer diante dos fogóns. Entre que as viandas eran pura exquisitez e que a vista desde a mesa é a que aparece na fotografía coa fermosa ría de Vigo como fondo, poden imaxinar que acabase esquecendo por uns momentos toda esta penuria pola que estamos pasando. E para facer a dixestión nada mellor que coller carreteras comarcais cara arriba para chegar ata o Lago de Castiñeiras, ao que tanto subín e sufrín entre toxos e lama no meu tempo do campamento militar en Figueirido, pero neste caso para seguir gozando dunha tarde de paz e sosego onde as medidas de seguridade estaban máis que respectadas, con parellas tiradas na herba ou moi pequenos grupos familiares dando conta dun suculento churrasco recén feito.

E para rematar o periplo nada mellor que baixar ata a Praia de Arealonga en Chapela para tomar un café nunha das súas terrazas e darte un “baño” imaxinario no mar calmo que tés xusto en fronte, mentres agúns paisanos das mesas veciñas xogan “ao gato e ao rato”, subindo e baixando as mascarillas en canto divisaban o coche da Policía Local, sen darse conta de que ese xogo pode ser máis perigoso que unha ruleta rusa.

E todo elo coa banda sonora de fondo da Orquestra “París de Noia” que nun acto heroico, que algúns musicos galegos fan nestes tempos de seca de escenario, acaba de sacar un disco publicado en todas as plataformas dixitais e que terei o gusto de presentar esta noite no “Bamboleo” radiofónico da Radio Galega á unha da madrugada, conversando con Diego Moreira, un dos músicos máis activos da formación que fixo seu ese lema tan acertado de “se a vida che dá limóns, fai limonada”, participando en todo canto acto pode colaborar e asistindo a diferentes programas de televisión cantando a dúo ou con toda a orquestra, dando clase de guitarra e linguaxe musical, exercendo de profesor de ximnasio, ou tocando a batería no último videoclip da miña querida compañeira de traballo e cantante ourensá Tamara Pérez, titulado “Sinfonía de amor” e que obviamente lles recomendo escoitar e ver.

Te puede interesar