Opinión

Pili Pampín

Pili Pampín con Ortiga.
photo_camera Pili Pampín con Ortiga.

Non hai dúbida de que a querida Pili Pampín sorprendeu a propios e estraños hai uns meses cando gravou o “Chorar Chorei” con “Ortiga”, un deses fenómenos musicais aparecidos nos últimos tempos en Galicia con lexión de seareiros e cun tipo de música que en principio nada tería que ver coa nosa cantante.

Coñecín a Chicho “Ortiga” cando formaba parte do dúo “Esteban e Manuel” que a miña querida sobriña Lucía me recomendeu para ao “Bamboleo”, cousa que non depende de min, pero por o programa pasaron, o mesmo que pasou “Boyanca Kostova”, outra das formacións nas que milita Chicho, e xa últimamente como “Ortiga”. En calquera caso, as súas propostas, as cumbias, a salsa ou o merengue, recuperando o son da verbena máis xenuina á base de “autotune”, e de aí ao trap e de volta á cumbia, fan auténtica festa que en definitiva é o último obxectivo do artista.

E será por ese espírito festeiro que xurdíu esta colaboración para que “Ortiga” e Pili Pampín gravasen e cantasen xuntos esa canción tan coñecida, que agora non pode faltar nas actuacións tanto dun como da outra. A súa primeira aparición xuntos na Sala Capitol de Santiago converteuse en todo un acontecemento, onde moitos asistentes descubriron por primeira vez á artista que tantos anos leva alegrando corazóns por toda Galicia co seu “Galo” e con outras ducias de cancións.

Foi algo así como cando Raphael aparece diante de milleiros de adolescentes asistentes a algún concerto de música electrónica, soprendidos por un artista totalmente descoñecido para eles que de repente ponos a bailar frenéticamente a golpe de “Mi gran noche” ou “Escándalo”. Non hai nada que deteña a este “Furacán de Linares”, que soamente vive por e para o seu público, sexa da idade que sexa.

E o público é tamén quen mantén a través dos anos a Pili Pampín, unha amiga a quen coñecín cando gravei o primeiro “Supermartes” no ano 92, onde ela e un grupo de artistas e famosos galegos, como Santiago Pemán, Santi de Limones, Xurxo Souto dos Diplomáticos de Monte Alto ou o mesmo Antón Reixa de Os Resentidos, entre outros, exercían de concursantes arroupándome na miña estrea televisiva. Daquelas Pili comezaba a súa andadura artística da man de Manuel Muñiz, quen xa xogara un papel decisivo no éxito profesional de Ana Kiro co “Galicia Terra Meiga”, que soaba nas emisoras de radio día e noite e para o que tiveron que inventar o “Casete de Ouro” ao vender máis de cen mil copias.

Coa morte de Ana Kiro, sempre se quixo ver en Pili Pampín a súa máis directa herdeira, polo tipo de música que canta e por percorrer cada recuncho de Galicia como xa o fixera durante tantos anos a cantante de Arzúa. Os seus pupurris de música galega, as súas rancheiras e as súas coplas, conforman un espectáculo redondo, onde a simpatía e a complicidade que mantén co seu público fan desta muller unha das artistas máis queridas da verbena galega e dos platós de televisión, onde dou fé de como a aclaman cada vez que aparece en escea.

Despois de tantos anos de oficio Pili está nun momento espléndido, con moitas aparicións en programas televisivos e con moitos novos proxectos. Penso que ese “Chorar Chorei” cantado con “Ortiga” foi un auténtico revulsivo que veu a darlle novos folgos para seguir adiante coa mesma forza coa que comezara alá polo ano 91. E eu alégrome especialmente, porque Pili é unha desas persoas que sempre rema cara adiante e coa que podes contar en todo momento.

Te puede interesar