Opinión

Polo Ribeiro

Opinión

Polo Ribeiro

Atardecer en Barra de Miño.
photo_camera Atardecer en Barra de Miño.

Sigo adiante co propósito de aproveitar as fins de semana para gozar deste País marabilloso, e hai sete días tocoulle ás terras do Ribeiro entrando pola carretera que une A Cañiza con Ribadavia e dirixíndome ao vello e coqueto Balneario de Cortegada, que aínda segue pechado por razóns obvias. Xa era a hora de xantar e lembreime que o amigo blogueiro Alberto Rivas “Alviento” tenme falado moito e ben do Hotel de Enoturismo “Casal de Armán”, pero entre que chuviscaba un pouco e había ducias de coches nos aparcamentos con toda a pinta de haber unha celebración multitudinaria deixeino para  mellor ocasión. E alá que fomos ata o Mosteiro de San Clodio, onde tampouco xantei porque sendo un lugar marabilloso había demasiado silenzo, propio para gozar dos seus claustros; pero alí ao ladiño hai un bar-restaurante estupendo onde se conxugaron a climatoloxía, parou de chuviscar, e a súa carta, para caer rendidos diante dun prato de fabas con ameixas, regado cun tinto da zona e un requeixo con mel que a un prezo fantástico nos deixaron con ganas de volver, aumentadas pola recomendación dos comensais da mesa de ao lado que estaban dando conta dun arroz con lubrigante que tiña unha pinta bárbara.  

Nada mellor para librar da modorra que facer a dixestión paseando polas empedradas rúas de Ribadavia, por onde revivín aquelas primeiras Feiras do Viño, cando acampabamos libremente ao lado do río, ou recordando a que tal montaban os do grupo “La Cubana” cada vez que acodían á Mostra Internacional de Teatro, tanto no Castelo, como dando o pregón desde o balcón do Concello, ou mesmo posando esperpénticamente nos escaparates dos negocios da Vila; e ao pasar por diante do “Papuxa” lembrei aquelas tardes de guitarra e pipote na taberna cantando as cancións máis militantes do Zeca Afonso, para rematar co “Si vas ao Ribeiro ao Ribeiro de Avia…” ao que se unía todo canto bicho vivinte ocupaba as súas mesas. A esas horas da sobremesa estaba pechado, pero as imaxes traspasaron a súa rexa porta estando moi presentes no meu maxín.

Tamén me acheguei ata o Balneario de Arnoia, ao que non entrei por non incomodar aos meus amigos César e Raúl, os irmáns Romero da Orquestra “Cinema”, que estaban coas suas “peperetas” gozando dunha máis que merecida fin de semana termal, co cal quedoume tempo para ir ata Castrelo de Miño, hoxe tan de moda en media Europa polos equipos de piragüistas que fan das súas augas o seu centro de tecnificación particular, e que hai bastantes anos inspirou a canción do cantautor Miro Casabella , e que eu mesmo cheguei a cantar no fin de festa dun Festival Folk na Universidade Laboral de Eibar, un ano antes de que morrera o dictador; unha ousadía pola miña parte que me valeu algunha reprimenda.

Créanme que neste periplo de sábado estiven a piques de volver á infancia parando o coche para coller sen permiso un acio de uvas dun pequeno bacelo que aínda non fixera a vendima, lembrando así aqueles tempos da nenez onde comías as uvas mesmo a 40 graos e con suficiente sulfato como para derrubar un elefante, e co cal a diarrea estaba asegurada.

E pasmando cara o río, recordei que había máis de trinta anos que non me achegaba ata o “Gaddafi” en Barra de Miño, que alí segue vento en popa e que puxo un broche de ouro a unha xornada magnífica. Para mostra, esta foto que fixen desde alí ao caer a tarde.