Opinión

Ponte sobre augas turbulentas

Esta exitosa canción de Simon & Garfunkel ben nos vale para darlle título a estes tres días de ponte, un chisco descafeinada iso sí, por aquelo de que a Inmaculada cae en domingo. O das augas turbulentas tamén nos vale para facer referencia a como baixan os ríos despois de tanta chuvia de noso Señor, ou de como van esas outras augas políticas que, tamén pola súa enorme turbulencia, non nos deixan ver o que realmente arrastran no seu leito, ofrecéndonos unha imaxe máis tirando a marrón opaco que ao azul cristalino que debería ser. En fin, esa é outra historia que queda para que a escriban os polítologos, que hai moitos e moi bos.

Eu escribo isto a tarde do xoves, horas antes de que Vigo sexa invadida polas hordas de turistas, chegados por terra, mar e aire desde os máis diversos puntos do “suelo patrio”, que van quedar alucinados con todo o lucerío que aquí lles agarda; mentres que os nativos xa andarán por terras portuguesas despois de facer a conseguinte peregrinación por autovías colapsadas tratando de que o bacallao non se lles conxele de tanto agardar por eles. Os ourensáns, máis agudos, seguramente que puxeron rumbo á casiña familiar a mesma tarde do xoves en canto lles rematou o turno en Citröen. En calquera caso a bó seguro que a estas alturas de sábado uns e outros estarán ben felices de poder desconectar un chisco e darse unha merecida homenaxe. Iso se o ditoso “black friday” lles deixou algo no peto, porque xúrolles que estes días os contedores de cartón non daban abasto para acoller tanto envase “amazoniano” de envío de compras “on line”. Definitivamente volvémonos tolos ou as turbulentas augas do último mes perxudicaron seriamente o noso intelecto. ¡Ou igual son as luces!, vaia vostede a saber; eu de momento o que collín, por andar de pámpano mirando para o alto da noria cun aire norte que cortaba o alento, foi unha friaxe nos oídos que me ten medio xordo; non quero nin pensar a cantidade de “frenadoles” que terán que tomar os que agardan  alá no alto a que lles toque o turno de baixar. Eu sigo pensando que, ao igual que as bicicletas da película de Chávarri, hai cousas que son para o verán; pero polo visto estou completamente equivocado, a xulgar pola enorme cola que se forma cada tardiña para subir a esa atracción á que o grupo “Fillos do Estramonio” lle compuxo unha canción. Son tremendos estes meus amigos comandados polo showman Pepe Capelán, a quen non lle para a cabeza, seguido por outros compañeiros do equipo de “Bamboleo”, como os rexedores Venan López e Damián Cortés ou o pianista Javier Varela; tiveron que buscar reforzos en Xoan Diéguez e Abraham Sande para, entre outras cousas, suplir a Claudio Pan, a quen a paternidade das trillizas apartou obrigatoriamente de moitas actividades extraescolares. Iso sí que deberon ser, sobre todo nos primeiros meses, auténticas augas ou biberóns turbulentos; non quero nin imaxinar o que pode ser organizar unha viaxe para unha ponte como esta con tres criaturas con destino por exemplo a Póvoa de Varzim. Hai veces que iso de darse unha homenaxe é mellor facelo ao quente na casiña, montando a árbore e o Belén para que esas criaturiñas non deixen bola con cabeza. E se as augas veñen turbulentas pois facemos o río como sempre se fixo, con papel de aluminio que campa igual e non molla.

Te puede interesar