Opinión

Por San Benito

Non cabe dúbida que este ano as fotos e vídeos do San Benito de Allariz foron distintas, incluído o feito de que a festa retrasouse por aquelo de que nunca o celebramos antes do 11 de xullo, cadrando este ano a mércores. Para cumprir coa data nada mellor que desprazarse a moitos lugares de Galicia onde o día do santo é sagrado e inamovible, non como ocorre coa Virxe do Carme que, ademáis da celebración oficial do almanaque, cada concello vaina adaptando ao día que mellor lle vai, ben sexa porque chegan os paisanos emigrados ou porque hai que agardar a que os mariñeiros estean en terra e poidan engalanar os seus barcos como manda a tradición; é un deses actos ben emocionantes que cada ano se celebra nas vilas costeiras.

E con esa mesma emoción eu vivín dúas procesións do santo curaverrugas, unha na freguesía de Seijas no concello portugués de Caminha, onde como case todo o dos nosos veciños lusos vai acompañado dun atrezzo pouco visto por estes nosos lares, aínda que en Allariz tamén chame a atención que a procesión vaia precedida dos históricos xigantes e cabezudos que van abrindo a comitiva antes de que suban a rúa do Portelo as imaxes do Neno Xesús, San Bernardo, Santa Leocadia e a Virxe de Vilanova, divisando ao lonxe a impresionante figura do noso patrón que os porteadores das andas van facendo bailar ao ritmo da banda de música. Moitas caras de emoción de quenes lles van pedindo ao santo o mellor para as súas vida, fundamentalmente saúde; e emoción contida este ano do noso novo cura párroco, meu querido amigo Manolo Rodicio que reviviría co seu sorriso característico aqueles anos da nenez onde eramos nós os que levabamos ao Neno Xesús.

E non dubido que tamén, á súa maneira, iría ben feliz a nova alcaldesa Cristina Cid, que ao marxe das crenzas persoais de cada quen sempre emociona ir representando ao teu pobo. E así llo comentei eu ao anterior alcalde, Paco García, que para miña sorpresa apareceu vestido de rigoroso traxe agardando coma nós a que San Benito fora subindo pouco a pouco as empedradas rúas da Vila, subida do Portelo que el fixo os 18 anos de rexedor municipal. Nalgunha ocasión lembrei co tamén amigo e alcalde Anxo Quintana como se viviron aqueles primeiros momentos de revolución nacionalista en Allariz, con non poucos enfrontamentos entre veciños, e nos que el tiña clarísimo que o alcalde tiña que ir detrás do Santo se quería comezar con éxito o seu mandato. Recordo como daquelas chamárame moitísimo a atención ver ás autoridades “civís, militares e relixiosas” tomando un vermú xuntos despois de cumprir co santo patrón, que entraba e segue entrando na súa Capela aos acordes do Hino Galego.

Un ano máis volvemos a Allariz, e volvemos atoparnos os amigos de sempre, os da infancia e adolescencia, e démonos sentidos abrazos para revalidar ese encontro tan importante no que, aínda que sexan uns minutos, poñémonos ao día de todo o acontecido ao longo do ano. E sempre nos dicimos iso que tanto reconforta de “véxote estupendo ou estupenda”, mentres desde o fondo da Barreira segue chegando o marabilloso arrecendo a churros e patacas fritas que a familia de “Lolita” nos trae desde que temos uso de razón.

Te puede interesar