Opinión

Posta ao día musical

portada_de_golpes_bajos_result

Non hai maneira, por máis que se intente é imposible estar absolutamente ao día de todo canto fenómeno musical aparece nas redes sociais. E abofé que hai auténticos fenómenos que xa saben de sobra que internet é o presente e o futuro, converténdose na gran ventá desde a que ofrecer o seu produto. O problema está cando por oficio queres estar decatado de todo eso novo que vai xurdindo, como é o caso de OT, do que eu soamente vexo as actuacións ao día seguinte, porque sigo sen entender como en día de semana hai que trasnoitar para ver rematar os programas televisivos, con permiso de "Luar" que xa é en venres, víspera de fin de semana e que polo tanto tén patente de corso.

Hai unhas décadas, non tantas, agardabas como auga de maio a que saíra ao mercado o último disco do teu artista ou grupo favorito, moito antes de que Michael Jackson nos impactara co "Thriller" ou anos despois Madonna fixera o propio co video do "Like a Prayer". Deste último recordo como quen isto escribe e os seus alumnos da Universidade Laboral de Ourense estaban pendentes da súa estrea diante do televisor, e recordo o moitísimo que nos gustou.

Así acontencía con Radio Futura, Mecano, La Unión, Bosé, ou Golpes Bajos, que foi o primeiro LP que eu merquei para estrear o meu flamante novo aparato de música que lle comprara a prazos aos amigos de Bermello; alégrame infinito que o gran Iván Ferreiro, a quen admiro desde que comezou en Los Piratas e colaborou connosco nalgunhas gravacións do "Téquele Téquele" ata o día de hoxe, no que tivo a feliz idea de homenaxear a Copini, Cardalda, Novoa e García, gravando décadas despois esa "Cena Recalentada" de tan grato recordo con marabillosas cancións tipo "No mires a los ojos de la gente" ás que Iván lle imprime o seu característico toque persoal.

Pero como ven, sigo falando doutros tempos e de artistas que se manteñen no candeeiro pola súa valía e porque non deixaron de pelexar contra vento e marea. Outros quedaron polo camiño e moitos foron engulidos por todos os novos fenómenos que foron aparecendo, tanto nas redes como dicía antes como gracias a programas de televisión de gran audiencia. Aí temos anos despois o fenómeno OT que fai que, por exemplo, o ourensán Cepeda teña que dobrar actuación no Auditorio de Ourense, demostrando que foi un dos concursantes máis queridos polo público na pasada edición do concurso.
Ata aquí todo moi ben, e voume decatando de todo canto novo fenómeno xorde no universo musical, pero en canto chego ao "Bamboleo" e os xóvenes participantes do "Agora ou Nunca" traen cancións que eu descoñezo chega o momento de ir a "YouTube" e poñerme ao día de quen é o autor ou o intérprete, sendo moitas veces cancións de toda a vida pero versionadas por artistas moi novos con millóns de seguidores en internet dos que eu nunca escoitara falar. Iso tamén me serve de reciclaxe e aproveito para documentarme de por onde van os tiros en canto aos gustos da xente máis nova. Pero, repito, pretender chegar a todo é imposible, incluso dentro da música galega, onde, a Deus gracias, cada día aparecen novos grupos e artistas con estilos e rexistros ben diferentes. Teño moitas ganas de escoitar o novo disco de duetos do ourensán Emilio Rúa que presentou hai uns días na Cidade da Cultura, seguro que será unha xolliña.
Xa llo contarei.

Te puede interesar