Opinión

Premio: "Alegría de vivir"

Pode haber algún título más bonito ca este? “Premio Alegría de Vivir”. É sinxelamente marabilloso, e máis marabilloso será recibilo, xa que o xurado destes prestixiosos galardóns tivo a ben agasallarme cun deles no eido do “Entretemento e Cultura”, pola miña traxectoria en tantos anos de andadura televisiva e radiofónica. E de felicidade vai a cousa, porque verte entre o palmarés de grandes persoeiros e institucións que van recibir un premio como o teu non é cousa que pase todos os días. Que cho concedan xusto o ano no que tamén llo outorgan ao gran Raphael polos seus 60 anos de andadura artística fai que sintas algo moi especial, ao lembrar aquelas primeiras cancións que cantabas para os teus veciños e que che aplaudían cando entoabas o “Digan lo que digan” imitando ao “Neno de Linares”, que daquelas comezaba a comerse o mundo sen parar de recoller éxitos e premios.

Detrás desta iniciativa tan bonita que xa vai pola súa IX edición está un gran equipo de persoas de múltiples disciplinas comandadas por unha gran muller que, ademáis de cantar, vai pola vida agasallándonos con “Besitos de Chocolate”, como ela gusta de dicir; non é outra que a marabillosa cantante, actriz e presentadora hispano-cubana Lucrecia, a gran artista que despois de licenciarse en Música na especialidade de piano na súa Cuba natal, relaciónase cos grandes do momento como Celia Cruz, Willy Chirino, Chavela Vargas, Gilberto Gil, Paquito D’Rivera ou Carlos Jean entre moitos outros, sen esquecernos do catalán Lluis Llach que seguramente influíu para que Lucrecia cambiara de mares, o Caribe polo Mediterráneo, e decidíra asentarse cando chegou a España no fermoso pobo catalán de Sitges. Un lugar, por certo, ben carnavaleiro ao igual que moitos dos nosos, e que nestos momentos estarán tamén botando de menos sair á rúa para durante uns días esquecerse de toda esta “negra sombra” que xa tarda en marchar do noso lado. Para elo nada mellor que cantarlle, aínda que sexa desde a casa, esa canción que tantas veces Lucrecia cantou e canta nos nosos programas de televisión, “La Vida es un Carnaval”, ou repasar como fixo ela, nun precioso espectáculo que presentou en Nova Iork e levou por toda España e Miami, as cancións da inesquecíbel e querida Celia Cruz. E, por suposto, sacando tempo de onde sexa para seguir cos seus queridos “Lunnis” que tanto divertiron e divirten a varias xeracións de nenos e nenas.

Pois esta gran muller e os membros do xurado quixeron alegrarme a vida concedéndome un dos seus prezados galardóns, nunha edición na que ademáis de Raphael son premiados a locutora de RNE Pepa Fernández, a deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada, o presentador Jorge Javier Vázquez, o Grupo de Teatro “El Tricicle”, o xornal “La Vanguardia”, a Orquesta Sinfónica da Rexión de Murcia, o bailarín Antonio Canales, Telemadrid e a Televisión de Canarias, o cantante Ariel de Cuba, La 2 de RTVE, a presentadora radiofónica de Radio 5, Cristina Hermoso de Mendoza, e o empresario Enrique Tomás. 

Os premios entréganse nun lugar de culto da capital catalá, a Sala Teatro “Luz de Gas”, aínda que este ano terá que ser de xeito virtual por motivos obvios, pero iso non lle quita nin un ápice de importancia e de emoción, porque tal como reflicte o comunicado que nos fixeron chegar hai que “Dicir sí a reinventarse, de xeito responsable, Porque o mundo quere vivir”. Todos queremos “Alegría de vivir”.

Te puede interesar