Opinión

O presidente do mundo

Confésolles que eu son moi de quedar pasmado diante da tele cando están retransmitindo algunha cirimonia que sae do normal, sexa unha voda famosil, sexa a alfombra vermella ou verde dos Oscar e dos Goya, ou sexa a toma de posesión dos presidentes que van rexer os nosos destinos. Gústame o glamour que en tempos de non pandemia exhalan todos estes actos, aínda que agora mesmo todo sexa visto baixo o prisma da tristura, coa pantalla chea de bandeiriñas onde deberían estar milleiros de persoas e tendo que intuir os sorrisos e a alegría tapados polos “gardabicos”, que aínda que vaian conxuntados ou recubertos de cristais de Swarovsky ocultan as nosas máis profundas emocións.

E aí me teñen a min seguindo a toma de posesión do que eu dou en chamar o “Presidente do Mundo”, neste caso o señor Joe Biden que, gústenos ou non, vai influir, e moito, no decurso dos acontecementos políticos, sociais e económicos a nivel mundial. Do anterior inquilino da Casa Branca permítanme que nin o nomee, porque hai poucos repelentes monecos televisivos que me produzan tanto noxo. Agardo que a xustiza, ou o que sexa, lle impidan volver ocupar o sillón desde o que se pode pulsar o botón bermello co que nos pode mandar a todos para o outro barrio; e cando falo de botón bermello falo en sentido amplo, como pronunciar incendiarias frases tipo: “A covid-19 non nos vai afectar” e conseguir que millóns de persoas se contaxien e pasen os últimos días das súas vidas sufrindo o indicible. Nese saco podemos meter a moitos outros dirixentes mundiais a parte do bocazas de “Palm Beach”, sexa o Bolsonaro de turno ou sexa o Boris Johnson de antes do contaxio, que despois de botar a lingua a pacer de xeito absolutamente irresponsable están vendo como os seus países soterran cada día a milleiros de compatriotas. 

Do noso “Reino de Taifas” permítanme que non fale por aquelo de non incomodar demasiado a persoas que seguramente están facendo todo o que mellor saben, eles ou os seus asesores, por sacarnos desta situación tan complicada,  que nun principio pillounos a todos en panos menores e sen mascarillas. Esas mascarillas que como antes dicía réstanlle empaque a cirimonias como a da toma de posesión do presidente americano, aínda que Lady Gaga e Jennifer López consegan que por un momento pensemos, o mesmo que cando chegou Obama ó Capitolio, que as cousas soamente poden ir a mellor. 

E alguén dirá que vaia tontería papanatista iso de deixarnos obnubilar pola influencia ianqui, pero neste mundo globalizado está claro que nos afecta e moito, como nos afecta que o homófobo Putin e moitos outros represivos presidentes, coas poderosas forzas invisibles que están detrás deles, de moitos paises do primeiro, segundo e terceiro mundo, e toda a súa maquinaria de manipulación, incidan, e moito, nos valores que a cidadanía asume como supremos, nuns tempos nos que o populismo amplificado polas redes sociais é quen de facer que o conseguido con suor en varias décadas a nivel de dereitos humanos se vaia ao traste en décimas de segundo. Por iso os xestos e os titulares son máis importantes ca nunca, e que o “Presidente do Mundo” diga que vai facer todo o contrario do que fixo o seu innomeable predecesor xa é moito, aínda que logo fará o que poida ou o que lle deixen.  

Te puede interesar