Opinión

As "pulardas" do convento

O Convento das Clarisas na gran praza do Campo da Barreira (Allariz).
photo_camera O Convento das Clarisas na gran praza do Campo da Barreira (Allariz).

Vendo no periódico os anuncios de tan suculento manxar, fóiseme o maxín a aqueles anos nos que se contruíron as primeiras granxas de pitos da era “Votad al Franqueira”, que en época  electoral facían sair en organizada caravana provincial a centos de granxeiros. E uns anos antes desto, os que comezabamos a tomar posesion dalgún piso das casas Baratas do Barrio de San Benito Alaricanco sentiamos, vía ruidosa e olfativa aqueles primeiros milleiros de pitiños que tiñan entretidas e fatigosas ás nosas Clarisas, que coas súas campás marcaban o horario dos que viviamos no “Barrio de Arriba”, desde as maitines das seis da mañá, logo as da misa das sete, quero recordar, e sobre todo as nonas das 3 da tarde que nos facían botar unha carreiriña Barreira abaixo para chegar xustiño as clases no Grupo Escolar.

Tampouco esquecemos o son da gaita que nos chegaba nos días de festa, e que respondía aos poucos momentos de lecer que tiñan aquelas maioritariamente novas monxas, que pasaban o día rezando “por nós os pecadores” e traballando. Xa entón cando tiñas unha peza de roupa accidentada non había como as mans artesanais das habitantes do Convento, que todos queriamos coñecer por dentro, con ese Claustro Barroco que o preside e que ten o privilexio de ser o maior de España, de donde saían as pezas téxtiles sen que se notase reparación algunha. Para iso estaba aquel “torno” polo que nos comunicabamos case que cada día, e a onde os nenos da Vila iamos pedirlle a Sor Josefa os “recortes”, que non eran outra cousa que as sobras da confección das hostias que logro sería consagradas nas outras igrexas alaricanas. Imaxino que o seguirán facendo a día de hoxe, aínda que a súa maior dedicación está nestas datas, desde setembro, na cría e distribución das “Pulardas do Convento” que tanta sona foron acadando e as que estas relixiosas saben como sacarlle o mellor sabor, cunha edición limitada e numerada.

Cada día hai menos monxas, como en case todos os conventos de clausura, e moitos dos nenos daqueles momentos nos que as Clarisas se aliaban con Coren, lembramos a nosa etapa de monaguillos, co ínclito capelán Don Emiliano, fotógrafo oficial de todo canto acto se producía en Allariz e contorna, e onde nos prestaba moito colaborar con elas pola dozura e o sorriso das que saían á sancristía da igrexa para preparar todo o concernente á misa ou aos grandes rituais como os de Semana Santa, onde eu recordo aquel ataque de risa incesante que nos provocou Toño Quintana encarnando o papel de Cristo na lectura da Pasión; nin as dúa monxas que nos acompañaban sempre no banco de diante foron quen de aguantar un sorriso; o resto non se enterou do que pasaba por estar ao fondo da igresa entre rexas e cantando coas voces marabillosas que as caracterizaba. A interpretación dos “Kiries” era algo que non debías perder; tradición que eu seguín mantendo na miña etapa universitaria compostelá no convento da Praza da Quintana, cando sempre que chovía a mares eu atallaba pola porta de Praterías da Catedral para tamén escoitar admirado o ensaio do organista oficial na hora da sobremesa, cousa impagable para os que amamos a música. Eu sentaba na bancada e sentía que aquel era un concerto exclusivo para min e media ducia de listos máis. 

Pois coa música de panxoliñas, queridos amigos e amigas lectores, quero desexarvos de corazón unha moi FELIZ NOITEBOA.

Te puede interesar