Opinión

Os "quince soles" de Lucía Pérez

Quince soles enormes e resplandecentes son os que lle dan calor e vida a este fantástico novo disco de Lucía Pérez, co que a artista de O Incio conmemora os seus primeiros 15 anos de andadura discográfica, que non artística, porque enriba dos escenarios xa son algúns máis, como aqueles nos que de nena subía ao palco do “Téquele Téquele” da TVG para deixarnos namorados da súa dozura. Unha dozura que non perdeu e que combina perfectamente con esa contaxiosa risa que solta cada vez que se atopa con xente que a quere e lle piropea o seu traballo e, porque non, a súa beleza de muller feita e dereita. E ao lado dunha muller tan grande ten que estar sempre outra muller galega que é faro e timón na súa singradura, a querida nai que a acompaña en todo momento exercendo de reporteira gráfica ou de guionista-apuntadora cando Lucía esquece algún dato nas entrevistas.

Lucía Pérez quixo celebrar estes quince anos ao grande e fíxoo gravando cancións que formaron parte da banda sonora da súa vida, como esa emocionante “Terra” de Xocaloma que a ela tanto lle fai recordar aqueles primeiros tempos diante das cámaras. Quixo rodearse de amigos que  admira como o gran Xabier Díaz co que recrea a fermosísima “Rosiña do mes de maio”, ou de Rosa Cedrón con quen nos brinda unha magnífica “Alborada de Rosalía”, ou do sempre fantástico Sito Sedes con quen fai unha versión marabillosa de “Moraima”. Tampouco podían faltar neste disco as voces e o talento do seu irmán Vizcaíno, con quen interpreta “Ai Amor”, un excelente cantautor que viaxou hai poucas datas ata terras mexicanas de onde volveu encantado do cariño e do apoio recibido nos seus concertos; ou o noso querido cantautor Emilio Rúa con quen lle deu unha nova volta á popular “Carolina”, tema que agardo canten xuntos no concerto que Lucía dará na Praza de San Martiño de Ourense o próximo cinco de xullo. E tampouco podía faltar neste disco o dueto con Chenoa, recordando un dos momentos máis duros vividos pola sociedade galega nos últimos tempos, o fatídico accidente de Angrois que de novo nos amosou como hai marabillosos “Heroes sen Nome”, aos que estas dúas artistas lles cantaron e cantan sen poder conter as bágoas. E cando de emoción se trata nada mellor que acompañarse do seu compositor de cabeceira e “alma máter” da súa carreira, o gran Chema Purón, que sabe facerlle os traxes musicais a medida e que a acompaña neste disco nunha xoia titulada “Tocando enfrente”. 

E, por suposto, tiña que estar o gran Tonhito de Poi, cantando “Flor das Augas” e “Destino Santiago”, con quen Lucía percorreu o Camiño nunha experiencia audiovisual innovadora e que afianzou os lazos de amizade e artísticos entre os dous cantantes, como non podía ser menos despois de tantos dias de convivencia e aventura.

E por se faltara algo, ademáis dalgúns outros temas que a artista quixo incluir no disco como a “Rumboia”, a “Virxe da Renda” ou “Mestura Portuguesa”, ofrécenos desde o máis profundo do corazón uns “Alalás das Mariñas” que nos namoran como nos namorou hai xa quince anos como “Quince Soles” aquela nena de O Incio, que é xa unha voz imprescindible no marabilloso mundo da música feita en Galicia para o mundo.

Te puede interesar