Opinión

Reixa, Avendaño e Romón

Foi con motivo da celebración do Festival Internacional de Poesía e Performance “Kerouac”, celebrado en Vigo, cando me reencontrei con Antón Reixa e Alberto Avendaño despois de moito tempo sen vernos. E foi no ateigado auditorio da Fundación Barrié onde se celebrou un dos actos importantes desta cita anual aberta e cosmopolita coa poesía e as vangardas da arte e da cultura.

Ademais de interesantes artistas, poetas e poetisas, esta edición contaba co aliciente de ter sobre o escenario aos fundadores daquelo que foi sen dúbida a semente da movida poética urbana nos anos nos que na cidade olívica a música, a pintura ou as artes escénicas comezaban a ebulir dun xeito imparable. E aí estaban Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón, entre outros que tamén puxeron o seu grao de area, para poñer letra e voz a poemas, manifestos ou creacións conformando o “Grupo de Comunicación Poética Rompente”, que revolucionou o xénero confraternizando con todo o que a cidade comezaba a ofrecer, desde a música de Julián Hernández, incluso antes de liderar “Siniestro Total”, ata as pinturas de Patiño ou Lamas, que logo Reixa mesmo utilizaría para atrezzar o escenario de “Os Resentidos”, como eu ben recordo no seu paso pola Alameda alaricana, con todo o follón que se montou, cun Reixa pletórico a golpe de megáfono promocionando aquel primeiro disco “Vigo, Capital Lisboa”.

Este reencontro con Reixa foi especialmente emotivo porque a última vez que falamos foi cando se entereou da miña doenza e non puidemos conter as bágoas, aínda él convalecente das secuelas do terrible accidente de coche que o mantivo durante días ao outro lado da “raia”, e que felizmente para os que seguimos a este polifacético artista deu lugar á súa creación literaria “Míchigan acaso Míchigan”, recordando aqueles 18 días que estivo en coma inducido e que ao despertar soamente recordaba obsesivamente que volvía dunha viaxe a Míchigan.

E o mellor Reixa volveu para estar entre nós,  e coa lucidez e creatividade que o caracterizan  sorprendernos enriba do escenario, acompañado do tamén televisivo Manolo Romón, a quen moitos recordan, ademáis das súas etapas  por presentar “Todos a bordo” e “Libro Aberto” na TVG, por encarnar o papel de Don Venancio na exitosa seire “Libro de Familia”. E a familia non estaría completa se non regresaba para a ocasión desde os Estados Unidos Alberto Avendaño, a quen eu coñecín cando nos veráns aproveitaba a súa estadía en Galicia para conducir o “Miradoiro” da Radio Galega, a golpe de “Alborada de Veiga” para comezar, ou para presentar na TVG a Gala de homenaxe a Ana Kiro na Coruña.

Con Alberto mantiven contacto radiofónico durante algunhas tempadas nas que me informaba en directo desde Texas, onde él vivía e traballaba como xornalista, escritor e profesor, de todo o que acontecía por terras americanas. O amigo Avendaño prometeume que nuns días nos volveríamos atopar para falar de todo o que non falamos durante tantos anos de ausencia e para fotografarnos con ese flamante Premio “Emmy” que atesoura entre todos os seus galardóns.

Este reencontro cos fundadores de “Rompente” en Vigo foi desas citas difíciles de olvidar. 

Te puede interesar