Opinión

Ribeira Sacra e "Luar na Lubre"

Ribeira Sacra
photo_camera Cañóns do Sil, en plena Ribeira Sacra.

Hai discos que pos de fondo mentres conduces prestándolle a atención xusta, outros que reproduces directamente do Spotify mentres te duchas, e logo están eses discos aos que lles prestas toda a atención, sabendo que vas atopar neles xoias de auténtico agasallo para os oídos. Este é o caso de "Ribeira Sacra" o magnífico  traballo de "Luar na Lubre", que como ourensáns nos enche de orgullo e como namorados dun dos lugares máis bonitos do mundo fainos estar moi agradecidos á banda de Bieito Romero, que nunca deixa de soprendernos e emocionarnos. A versión de "Canción da Noite do Afiador" coa voz de Víctor Manuel e a Coral de Ruada é desas cousas que poñen a pel de pita. Unha colaboración de luxo do cantante asturiano que tamén ven de presentar, despois de dez anos, un novo album de estudo onde nos dí que "Casi nada está en su sitio", e se o dí este trovador seguramente será así. Profésolle un gran cariño ao de Mieres desde os tempos de "El Abuelo Víctor" ou "La Planta 14", cariño e admiración aumentados cando non puiden conter as bágoas escoitándolle "Asturias" na Praza Maior de Xixón hai xa uns cantos anos. E se "Luar na Lubre" consegue con este último disco seguir reivindicando o que para todos nós xa é algo real desde sempre, que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade, Víctor Manuel faille unha homenaxe á súa terra realmente emotiva coa canción "Allá arriba en el Norte".

E algo así debeu pasar pola cabeza de Bieito Romero, alma máter de "Luar na Lubre" cando quixo volver á terra dos seus devanceiros en Esgos e Niñodaguia, para regalarnos coa súa banda esta xoia da música galega concebida en boa medida no interior dese lugar máxico de San Pedro de Rocas que tanto queremos e que non nos cansamos de visitar xunto co resto dos mosteiros e paisaxes deste Paraíso que nos foi dado.
Músicas e voces marabillosas acompañadas de sons do País; non podían faltar neste disco o chifre do afiador, nin o son dos Felos de Maceda, nin o barallete, nin a "música" que moitos recordamos das horas de sesta da nosa infancia saída dos carros do País que ían de Allariz cara Villeriño, ou a fermosa muiñeira das campás, que durante moitos anos marcaron nos pobos todo canto acontecemento se producía, e que a min me seguen emocionando cando repican festivamente.

Falar de "Luar na Lubre" é falar da música galega con maiúsculas, é falar dun dos grupos que máis países ten percorrido ao longo dos 30 anos de vida que levan enriba dos escenarios, facendo que palestinos, mexicanos ou murcianos se emocionen con "Tu Gitana", "Chove en Santiago" ou "Son do Ar", canción que alá polo ano 92 fixo que o grupo galego e o músico Mike Oldfiel estableceran unha relación das que perduran a través dos tempos. Nunca foi estraño ver como moitos grandes artistas quixeron subir ao escenario ou participar nalgún dos discos que o grupo gravou, desde o noso gran Nani García que fixo os arranxos para o directo coa Sinfónica de Galicia, ata Luz Casal, Diana Navarro, Pedro Guerra, Pablo Milanés ou a miña admirada mexicana Lila Downs, entre moitos outros.

"Ribeira Sacra" é un desdes discos imprescindibles, e para os ourensáns xa forma parte da nosa cultura e xa é, desde o mesmo momento da súa presentación hai uns meses, "Patrimonio Noso" e "Patrimonio da Humanidade".

Te puede interesar