Opinión

De ríos e rúas

Algo tan normal como ver que rebordan as presas do Arnoia ao seu paso por Allariz, converteuse en algo excepcional ata que chegaron as chuvias do pasado outubro que viñeron a saciar a sede de ríos e encoros. Os que temos a fortuna de ter nacido en lugares nos que o río forma parte imprescindible das nosas vidas, somos quen de pasar horas pasmando para el, tanto cando apenas se move pola seca como cando veñen as augas revoltas desde a serra de San Mamede. O ruído das augas que van saltando de presa en presa é unha fermosa melodía coa que medramos moitos de nós, sexa na Acearrica ou sexa na Alameda do Arnado; as beiras do Arnoia penso que dan para escribir algún que outro libro subido de ton; pero tamén dan para revisar esas fotos dos nosos pais posando para “Rizo”, o gran fotógrafo que retratou a toda a provincia, coa ponte románica de fondo e nunha pose que para si quixeran Clark Gable e Vivien Leigh. Seguramente será este un dos lugares máis fotografados polos miles de visitantes que a nosa vila acolle cada vez que hai calquera acontecemento ou ponte de vacacións, como ocorreu este pasado de Defuntos, onde era bastante complicado atoparse con algún veciño dos de toda a vida para botar unha parrafada ou tomar unha caña.

A rúa do Portelo e as prazas de Arriba e de Abaixo eran unha auténtica marea humana de xentes chegadas de lugares ben diferentes e que facían un alto de avituallamento no percorrido obrigatorio polas tendas “outlet” que dan vida a outras rúas do pobo.

Cando estas cousas ocorren sempre se formula a disxuntiva de se corremos o risco de morrer de éxito e de facer dos nosos lugares unha postal artificial que pouco ten que ver con aquel pobo e aquelas rúas por onde xogabamos na nosa nenez; pero o certo é que, salvo algunha excepción, os veciños están encantados con todo canto visitante se achega ata a Vila e Corte.

Un amigo moi choqueiro dicíame un día que en Allariz por funcionar ata funcionaba a Oficina de Turismo.

Estes días de outono é unha auténtica loucura para os sentidos entrar por calquera dos accesos á Vila, coas árbores brindando unhas cores que ben podían ser unha acuarela do noso gran Guillot. Por certo, de Guillot fillo, Javier Varela, teño unha pintura, como non, da ponte románica, que é o primeiro que vexo nada máis abrir os ollos pola mañá na miña casa de Vigo, para non esquecer nunca a miña referencia vital.

Seguramente para os vigueses de berce, algúns hai, eu pertenza a ese grupo de ourensáns que no seu día viñeron á conquista da cidade olívica, atraídos naquel tempo por todo o que supoñía a planta de Citroën coa creación de centos de postos de traballo, e que en non poucas ocasións somos protagonistas de moitos do que hoxe chamariamos “memes” . Eu cheguei a esta gran cidade hai 24 anos, escapando do orballo compostelán que tanto me incomodaba, e cada domingo pola tarde volvo como centos de condutores pola A-52, e fágoo moitas veces seguindo a algúns dos moitos “Mercedes” que aínda quedan da época emigratoria de Alemania ou Suíza, e conducidos agora por felices xubilados que viven coa tranquilidade das súas pagas e por suposto dos alugamentos de pisos e baixos, daquelas inversións inmobiliarias dos 70 e 80, facendo que moitas das máis longas rúas de Vigo puideran chamarse sen esaxerar avenida de Ourense, aínda que xa exista loxicamente unha rúa con ese nome.

Te puede interesar