Opinión

Sair no periódico

É curioso como nestes tempos onde estamos interconectados e onde todos podemos ser ou facer protagonistas a quen nos pete, siga tendo tanto tirón iso de “sair no Periódico”. Será por iso que, como lle pasou no seu día á radio pola que ninguén daba un peso coa irrupción da televisión e aí está máis viva que nunca, a prensa escrita siga tendo tantos seareiros que pelexan cada mañá por facerse co exemplar para acompañar o primeiro café do día. O café sabe mellor se o tomamos co arrecendo a churros e a papel impreso. Eu evidentemente pertenzo a esa clase de persoas que desde ben pequeno precisa saber que pasa polo seu pobo ou pola súa cidade, contado por xornalistas que saben do que falan e que non retuitean o primeiro que lles chega sen contrastalo.

Vén isto a conto polo especial “A Noite de Superpiñeiro” que a nosa TVG emitíu este pasado luns e que me emocionou verdadeiramente, polo cariño co que estivo feito e pola masiva audiencia que colleitou. Aproveito tamén para aclarar que non foi unha despedida, nin tal cousa, aínda agardo darvos moita lata en canto me recupere de todo, indo todo como vai por bo camiño. Foi un programa máis dos que a canle pública galega vai dedicando ás caras que, gracias a moitas outras caras anónimas que forman os equipos, entran nas nosas casas cada día. Xa pasou con Gayoso ou Roberto Vilar e pasará con moitos outros actores, actrices, presentadores ou comunicadoras, que protagonizarán eses especiais que no meu caso fixo que vivise dúas horas de auténtica emoción, lembrando tantos momentos bonitos vividos nos platós de televisión.

Pero falaba do “Periódico” porque chamoume realmente a atención que colaboradoras e amigas como Paula Pérez ou Sonia López, fixeran referencia moi agradecidas a que no seu día lles dedicara nesta mesma columna de La Región unha liñas para louvar o seu bo facer profesional. E pensei para min, “mira que sempre falas e nomeas na radio e na televisión aos equipos imprescindibles para facer os programas”, pero decateime de que a palabra impresa segue tendo máis valor que calquera outra cousa, e alégrame de verdade; por iso cada vez que escribo algo doulle mil voltas antes de pulsar a tecliña de envío no ordenador. O escrito escrito está. E escrito queda todo o meu agradecemento para quen fixo dito especial e para quenes interviron nel, e por suposto para os moitos e moitas que manifestaron querer ter estado. Houbo tempo para todo, para rirme con algúns daqueles primeiros estilismos do “Supermartes”, auténticas xoias “vintage” dos 90 do mestre Gene Cabaleiro; para reencontrarnos con “Atilano”, coas “azofaifas”, coa querida “Doña Hermitas de Parada do Sil” e con todos e todas os que me axudaron a chegar ata aquí, e que seguen enviándome mensaxes de cariño desexando volver atoparnos pronto nun plató ou diante dun micrófono, ou diante dun café para falar do pasado, do presente, e por suposto do futuro. Porque é verdade que os tempos cambian e o xeito de ver televisión tamén, pero dame a impresión que cos estupendos resultados de audiencia dalgúns dos nosos programas, pasará como pasou coa radio e o que pasará coa prensa escrita, que aínda teremos moito tempo para seguírmonos vendo, lendo e oíndo. E seguiranos facendo ilusión iso de “sair no Periódico”.

Te puede interesar