Opinión

Saír no periódico

Teño que agradecer que este noso Periódico se acorde cada ano de felicitarme o cumpreanos cada 1 de decembro, aínda que se equivoquen de década e me poñan dez máis dos que cumpro realmente…É broma claro, pero así botei unhas risas co Presidente-Editor Óscar Outeiriño que moi amablemente me chamou para felicitarme.

A verdade é que este ano pilloume ocupado por estar gravando os programas de radio e televisión, pero lonxe de entristecerme por non poder celebralo con algunha festa, sentín unha inmensa alegría e gratitude por poder seguir ao pé do cañón despois de todo o que ten caído. E nestes tempos de redes sociais, con agradecemento a todos os que a través delas quixeron mandarme os seus cariños, os que xa teñen unha idade similar á miña entenderán o orgullo que un sinte ao saír no xornal da súa provincia, en La Región.

En todos estes anos de profesión son moitísmas as veces que desde as súas páxinas apoiaron o meu traballo, con entrevistas, reportaxes e mesmo monográficos, estando sempre aí nos bos e nos malos momentos, sobre todo nestes últimos, tanto a nivel persoal como profesional; e nunca deixamos de manter ese cordón umbilical que nos une viva onde viva, sexa en Ourense, Santiago, Vigo ou Murcia. E estamos unidos moito antes de que eu aparecese presentando o “Supermartes”, do que en abril cumpriranse 30 anos. Eu conservo todas as páxinas nas que falaban de min cando gañaba os Festivais da Canción Misioneira, Presentaba Desfiles de Moda ou concertos das Festas do Corpus na Praza Maior, ou daba un recital na Casa da Xuventude. Sempre estaba alí o querido “Reza” para deixar constancia do acto e algún redactor que logo lle puña boa letra á estupenda fotografía.

Os rapaces da miña xeración medramos con La Región; había auténticas xincanas por pillar o periódico libre no Bar San Lorenzo de Allariz, onde tomabamos café e nos informabamos do que pasaba na provincia e no mundo, con especial atención a cando o recordado Luis Mascareñas publicaba algo do noso pobo. Saír no Periódico era moi importante daquelas, e penso que aínda o segue sendo hoxe para milleiros de fieis lectores aos que nos encanta almorzar enterándonos do que pasa polas nosas vilas. Eu non son de tablet nin de ordenador para estas cousas; para min é o mellor momento do día ao que lle dedico moito tempo, cando non mo impiden as gravacións e teño que sair pitando cara Santiago; xúrolles que podo botar hora e media pasando páxinas de La Región e do Atlántico Diario mentres disfruto dun par de cafés e dalgunhas larpeiradas.

Son moitas as veces que pola miña profesión aparezo en páxinas dixitais, pero non é o mesmo; eu conservo en papel todos e cada un dos artigos que levo escrito, e conservo igualmente todo, o bo e o malo, que sobre o meu traballo tense publicado.

Eso servirame para algún día botar unha risa como cando relín un titular que publicaba un Semanario Galego ao pouco de comezar o Supermartes, que calificaba o programa como: “Un Súper de moi baixa octanaxe”. Anos despois compartín momentos de risa con algún dos redactores deste Semanario ao recordar que esa baixa octanaxe “soamente” durou 14 anos en pantalla, e que desapareceu por causas alleas á profesión cunha espectacular audiencia.

Estas e outras couas son as que me fan mirar con tanto cariño esa foto do mércores pasado no que o meu Periódico me felicitaba os anos. Mil gracias.

Te puede interesar