Opinión

Sheila Patricia, premio “Martín Códax”


Esta semana a cantante Sheila Patricia acaba de sacar unha versión remix do seu éxito “A Moura”, incluído no disco “Orixe” que tantas satisfaccións lle está dando a ela e a todos os que gustamos da súa música, dos seus vídeos e da súa posta en escea, que coida con esmero, mimando o traballo previo dun excelente equipo de persoas que traballan para que todo teña un son e unha imaxe realmente fantásticos, como o dos impecables videoclips firmados polo director valdeorrés Aitor Ramos, e coa estupenda produción musical feita por Agustín Sánchez na Arxentina, a outra terra de orixe da nosa artista.

Realmente foi coa marabillosa readaptación do “Maneo de Caión” cando quedei prendado da súa proposta musical e escénica e cando descubrín a esta fantástica muller de tremenda sensibilidade e dun empoderamento enorme na súa música. Sen quitarlles ningún mérito ás “Tanxugueiras”, que gracias ao seu traballo impecable e incansable e ao tremendo empurrón que lles supuxo participar no “Benidorm Fest”, con gran polémica de por medio por eses xurados máis que cuestionables, o certo é que a chamada música folktrónica xa estaba en moitas das cancións que enchen, e de que maneira tan linda, este “Orixe” co que a nosa artista nos sorprendera hai xa uns meses. Non esaxeramos se dicimos que se conta entre as artistas pioneiras neste estilo musical que está conseguindo atraer a un público novo que antes non asistía a este tipo de concertos, onde primaba o tradicional e por suposto o galego. A paixón polo canto popular vénlle a Shelia da man da súa avoa, que constitúe para ela unha das maiores fortalezas e referencias femininas. Iso, unido tamén a fixar a súa residencia nas Rías Baixas, preto das terras portuguesas, que lle fan ter unha percepción da música cun modo de canto similar ao pranto fadista, cunha gran profundidade na interpretación.

E por terras portuguesas andivo esta semana Sheila Patricia para participar no “Womex”, presentando o seu espectáculo “A Moura”, no considerado Festival máis importante en “Músicas do Mundo”. O show celebrouse no Teatro Sâo jorge de Lisboa, ao que asistiron unha boa cantidade de programadores internacionais.

Foi o momento de celebrar por todo o alto o recente “Premio Martín Códax” acadado por Sheila no apartado de “Músicas do Mundo e Mestizaxe”, que sen dúbida é unha gran lombeirada para a carreira da artista galega. Con esa reinvención da “Moura” que foi o single estrela de “Orixe”, non me cabe dúbida de que, co que lle gusta a Sheila coreografiar cada un dos seus temas, este será sen dúbida un dos momentos álxidos do seu espectáculo, poñendo a bailar con ela a todo o auditorio. Enerxía ten dabondo para facelo e contaxialo.

Defíneo como “un afrohouse e funk brasileiro, como pulmóns rítmicos dunha canción, ideada para a súa celebración nunha pista de baile global, políglota e de profundo eco transoceánico.” Do mar de Redondela ao tribalismo dixital amazónico.

Non me cabe dúbida de que a participación no “Womex” de Lisboa será unha oportunidade única de ver o despegue definitivo dunha artista capaz de xerar un auténtico eco internacional.

Hai moito traballo previo a todo isto, e xa vai sendo hora de ir recollendo os froitos do que estivo sementado con todo o mimo, a paciencia, o entusiasmo, a paixón e, por suposto, a moita bagaxe profesional que Sheila Patricia foi acumulando ao longo dos anos de reflexión, creación e experimentación. Parabéns.

Te puede interesar