Opinión

Tanxugueiras e Huecco

tanxugueiras_resultado
photo_camera Aida Tarrío e as xemelgas Sabela e Olaia Maneiro, as Tanxugueiras.

Cando un está fora de xogo bastantes meses e coa cabeza noutro lugar corre o risco de perderse os primeiros pasos de artistas e grupos que cando te dás conta xa constituen todo un fito cultural. É o caso destas tres rapazas, Aida Tarrío e as xemelgas Sabela e Olaia Maneiro, que desde que comezaron a amosarnos a súa arte non fixeron outra cousa que ir gañando adeptos dun xeito poucas veces visto.

Van estar esta noite en “Bamboleo” con cancións do seu segundo disco “Contrapunto”, que teño de fondo mentres estou escribindo porque non pode haber nada máis inspirador e reconfortante. Traballar con estas tres artistas é recibir de entrada unha potente carga de positividade e alegría, por ser mulleres de sorriso amplo e gargallada sinceira. E digoo agora que xa as coñezo persoalmente aínda que xa seguira a súa música desde hai un tempiño, con ese curioso nome que ao parecer fai referencia a unhas pequenas leiras das terras de Fumaces en Riós, polo que de entrada xa teñen un compoñente ourensán que, vai ti a saber, igual é o que fai que desde que despegaran non fixeran outra cousa que andar polas nubes, no mellor sentido da palabra, sempre no máis alto por moi novas que sexan, que o son. Tanto é así que en dous anos tiveron que sacar dous discos ao mercado porque son incapaces de conter para elas soas a moita bagaxe que levan dentro. Tampouco deixan para elas eses magníficos sentimentos que lles fan cantar á vida, á amizade, a liberdade política e de decisión e, por suposto, as súas músicas tradicionais sérvenlle para cantar ao empoderamento da muller. E cando falo de tradición, no caso de Tanxugueiras hai que falar de que non se trata dun corsé que as ate, senón que lle permite combinar o máis noso, o de sempre, con todo o que poden aportar as novas fornadas de creadores e creadoras que non senten ningunha atadura a ningún pasado, e que o utilizan para reflexionar e como marabilloso e mimado punto de partida para medrar. Así é este “Contrapunto” que hoxe nos traerán “Tanxugueiras” ao “Bamboleo” e que non dubiden vai ser un enorme sopro de aire fresco e vivificador.

Con elas vai estar un artista ao que eu lle profeso moito cariño, trátase de Huecco, que desde sempre quixo utilizar a súa música e a súa popularidade a este lado e ao outro do Atántico para embarcarse, xunto coa súa muller, en causas solidarias. Aínda lembro cando veu por primeira vez ao noso programa a presentarnos aquel “Dame Vida” no que un balón de fútbol ideado por dúas licenciadas de Harvard levaba electricidade a rexións a onde non chegaba. Con quince minutos de xogo, no que os máis pequenos lle daban patadas á pelota, proporcionaba cinco horas de electricidade a través de tres bombillas Led. Daquelas conseguira implicar aos mellores deportistas internacionais. Desde o terrible terremoto de Haití de hai dez anos segue empeñado en axudar, aínda que agora mesmo as condicións da situación interna do País sexan moi perigosas para facelo. E Hueco vive intensamente esta vida solidaria coa súa música, coa súas novas cancións, sempre divertidas e sorpresivas, como o novo single “Yo sé que tú me quieres”, despois do éxito obtido con “Mirando al Cielo X Aniversario”, no que estivo acompañado de Rozalén obtendo un Disco de Ouro. Pero Hueco segue afirmando que o mellor premio que pode recibir e poñer cada día un grao de area na axuda aos máis desfavorecidos. 

Te puede interesar