Opinión

É tempo de cocido e de magostos

E mira que me gustan as castañas!, tanto me gustan como mal me sentan. Xa procuro non facer demasiada sobremesa nestes tempos de outono e de cocido para non caer na tentación de comelas, porque pásame igual que coa empanada, que tamén devezo por ela sempre que non sexa de bacallau, que son incapaz de resistirme a degustala cada domingo que me achego ata Allariz, e que fan que cando volvo para Vigo á tardiña, a altura de Ponteareas, o estómago me recorde que volvín pecar e que durante un par de horiñas vaime facer cumprir penitencia.

Dame a impresión de que nesto das "enchentas" somos todos bastante parecidos, e  sabemos o que non nos cae ben ou o que o noso corpo é quen de soportar; pero claro, ¿quen se queda de brazos cruzados diante dunha inmensa pota na que a verdura case non se ve por estar escondida entre tanta orella, morro, vitela, chourizos de carne e ceboleiros, costela, e o resto de variantes que en cada lugar de Galicia lle queiran poñer a este manxar de deuses? E dille tí que non a unhas filloas para completar o menú ou ás devanditas castañas, que aínda que este ano sexan pequenas e caras non poden faltar na mesa de calquero galego, así reventemos ao comelas. Porque realmente do único que imos tendo conta, cada vez máis concienciados, é do viño que acompaña a este festín, xa que moitos temos que coller o coche antes de que todo iso faga a dixestión, e se co cocido baixa estupendamente un dos nosos ricos mencías, xa non lles digo nada como baixa na sobremesa coas castañiñas recén sacadas do forno ou da grella. Pero aí xurolles pola Garda Civil de Tráfico que non fago ningunha concesión, viño o xustiño, é dicir, case nada, e con envexa de quen sí pode darlle un chisco máis ao caneco por non ter que conducir.

E falando de coches, e aínda que nada teña que ver con cocidos e magostos, aínda que algún haberá que non se resista a "guasapearlle" aos amigos todo o que se acaba de meter entre peito e costas, estou totalmente de acordo con esa campaña da DGT de detección de imprudentes ao volante que non poden agardar a chegar ao seu destino para ler o que lle escriben, ou o que é pior, escribir mentres o coche vai durante un montón de metros a cegas sen ninguén que o guíe. Non vou eu ir de santo nesta historia, todos nalgún momento temos caído na tentación, e tamén temos comprobado como por un pelo non tivemos un problema serio ou, o que aínda é moitísimo máis grave, lle temos creado un problemón a quen nos está adiantando ou a quen ven tranquilamente de fronte. Os que pasamos moito tempo na carretera sabemos do que falamos, e o dos móbiles é algo que hai que atallar xa, e como todos somos como somos non lles queda máis remedio aos amigos de verde que recordarnos, vía multa e puntos, que non podemos xogar coa nosa vida e moito menos coa vida dos demais. Eu teño claro desde hai moito tempo que o teléfono no coche está mellor onde non se poida ver, e que se fora algo urxente ninguén nos mandaría un whatsapp, chamaríanos directamente, co cal todo o demáis pode agardar. 

Pois o dito, en tempos de cocido, castañas e viño, mellor deixar o coche para cando  esteamos en condicións de coller o volante, e os whatsapp antes e despois da viaxe, que o mundo continúa aínda que tardemos media horiña en ver ou en enviar un video máis ou menos gracioso ao amigo de turno.

Te puede interesar