Opinión

"This is Galicia calling"

Así se chama este novo podcast e páxina web de contido absolutamente eurovisivo, como non podía ser doutro xeito vindo como ven da man duns amigos que saben do Eurofestival ata o nome dos electricistas.

Xabier Castro e Lolo Dato son os dous amigos que están detrás de todo o que os eurofáns poden atopar nas súas entregas  de música e información sobre Eurovisión. E aínda que esta nova referencia mediática leva pouco tempo nas redes xa conta con suficiente material como para documentarnos ámplamente de todo o que acontece e vai acontecer en Lisboa no  próximo mes de maio. Unha cidade, por certo, onde a estas alturas conseguir un hotel mínimamente decente non baixa de trescentos ou catrocentos euros por noite. 

Na capital lusa saben que durante esa semana serán milleiros os incondicionais que alí chegarán desde toda Europa, sendo Galicia e o resto de España os principais provedores de entusiastas fans; e saben tamén que esta é unha oportunidade única para venderse turísticamente aproveitando a enorme concentración de visitantes que, como sempre ocorre en cada sede eurovisiva, deixan unha gran cantidade de cartos, manifestando un comportamento absolutamente cívico e exemplar que para sí quixeran todas esas cidades que ven como as "hordas" futbolísticas de determinados países arrasan con todo o que atopan ao seu paso. Pois en Lisboa tamén estarán estes meus amigos de "This is Galicia Calling" para informar puntualmente de todo o que alí suceda a semana previa ao festival e, por suposto, de todos os ensaios, semifinais e da gran final do 12 de maio. 

Un adianto desta importante cita foi o Festival da Cançao celebrado en Guimarâes onde os portugueses elexiron unha moi fermosa canción, "o Jardim", coa que Cláudia Pascoal tratará de revalidar o éxito de Salvador Sobral quen, se todo vai como ten que ir, actuará no "Meo Arena" lisboeta. Gústame informarme con estes novos podcast eurovisivos feitos en Galicia para todo o mundo, porque combinan música, información, tertulia e opinión, con colaboradores en diferentes puntos da nosa Comunidade e mesmo con algún deles intervindo desde París, cidade á que non me importaría ir o próximo ano se a fermosa e impactante canción francesa se fixera co triunfo nesta edición. 

De momento desde "This is Galicia Calling" apuntan a que será Israel favorita, aínda que opine que lle pode pasar o de Italia o ano pasado, que morreu de éxito quedando relegada a un sesto posto cando semanas antes era a indiscutible favorita. 

Esta fin de semana estes meus amigos estarán moi pendentes de todo o que suceda en Madrid, cidade que acolle por segundo ano consecutivo a Eurovisión Spain Pre-Party, onde esta mesma noite de sábado actuarán na Sala "La Riviera" máis de vinte artistas que dentro dunhas semanas estarán no escenario de Lisboa. Un gran traballo realizado polos tamén amigos de "Eurovisión-Spain.com", que tantos anos e con tanto acerto nos levan informando sobre o Eurofestival, e que se deixan a pel na organización deste evento que tamén nos leva ata a capital de España a milleiros de seguidores. 

De todo isto falarei a próxima semana, ata entón nada mellor que conectar cos podcast desta nova oferta eurovisiva informativa e lúdica na rede que nos vai facer pasar moitos momentos ben agradables e interesantes.

Te puede interesar