Opinión

This is Galicia calling

A eurovisiva Lucía Pérez.
photo_camera A eurovisiva Lucía Pérez.

Os que me coñecedes sabedes que non podo deixar de facer un pequeno comentario da Gala “Destino Eurovisión” que TVE emitíu o pasado sábado, competindo por certo co “Bamboleo” que, non imos ser nada modestos, fíxonos líderes absolutos de audiencia, con nove puntos de diferencia no “share” con respecto ao programa de La 1.

A pesar dese desastre, quero ser absolutamente respectuoso cos equipos que traballan para que as cousas salgan o mellor posible; porque non é un problema de persoas e moito menos de profesionais, é un problema de concepto e de quen o idea e organiza, e de facer as cousas co xeito que lle demanda a audiencia; e sobre todo é un problema de querer que dunha vez por todas Eurovisión volva a España despois de 52 anos. ¿Ou é que non interesa para nada ter que organizar tan grande evento?

Así o falabamos onte na Radio Galega cos meus amigos Xabier Castro e Lolo Dato do Podcast “This is Galicia Calling”, acompañados do tamén “talifán” Daniel Seijo, que representa a todos os milleiros de novos seguidores que ven con outra perspectiva o Eurofestival. E non vos perdades o último podcast publicado por estes meus amigos en todas as plataformas e aplicacións dixitais, onde tamén interveñen, e de que maneira, Chema Purón, compositor, cantante, productor e responsable de éxitos eurovisivos como “Vuelve Conmigo” interpretado maxistralmente por Anabel Conde, e a estupenda Soraya, cantante e amiga, que tamén se despacha a gusto cos métodos que ten o ente público para elexir e “apoiar” aos representantes españoles en Eurovisión.

Por aquelo de ser prudente, soamente direi que unha gala carente de emoción non ten sentido para o telespectador, que agarda dun concurso pre-eurovisivo algo máis que unha biografía do protagonista da noite, o excelente cantante Blas Cantó, que ata por momentos daba a impresión de sentirse incómodo co que alí estaba sucedendo, aínda que estivera moi ben acompañado por Tony Aguilar e a nosa paisana Julia Varela, a quen lle agradecemos de corazón as ganas que sempre poñen por comentarnos cada unha das edicións. Pero cando o plantexamento é gris, triste, predecible e falto de interese non hai moito que facer, soamente botar de menos que alguén copie e pegue os formatos dos países nórdicos ou da mesma Italia, onde o Festival de San Remo, de onde sae a canción representante do País, acada índices de audiencia astronómicos, o mesmo que ocorre en Suecia, Noruega, Dinamarca ou mesmo a nosa veciña Portugal co seu mimado “Festival da Cançao”.

Como ben dicían moitos “comentaristas” no chat do programa, cando nos primeiros dez minutos xa escoitaches as “dúas” cancións que che propoñen para que elixas a que máis che gusta, ¿qué fas o resto do programa?, pois iso, reencher, aínda que sexa con artistas da talla de Pastora Soler ou cos nosos ben queridos galegos Roi, Cepeda e Andrés Suárez, que noutro momento estarían moi ben, pero que nunha gala que se chama “Destino Eurovisión” o que agardas é que aparezan figuras que teñan algo que ver co Festival, por exemplo a nosa Lucía Pérez, á que algún día os responsables eurovisivos de TVE terán que pedirlle públicamente perdón, porque por non nomeala nin o fixeron o pasado sábado cando recrearon as imaxes do grupo “Auryn” na preselección eurovisiva na que a cantante galega fixo valer o arrase no televoto que a levou directamente a Düsseldorf. E “Que lle quiten o bailao e o moito que ten por bailar e cantar”.

Te puede interesar