Opinión

Universidades laborales

Cada vez que soan tambores de guerra, ou o que é o mesmo, un novo plan de estudos, lembro sempre o que supuxo a miña entrada no mundo das Universidades Laborales, vindo como viña de colexos onde por pouco ou moito luxo que houbera, e moito rosario que se rezase, seguíase practicando o de "la letra con sangre entra".

Por iso a miña incorporación con trece anos ao internado en Cheste, Valencia, foi realmente bó a pesar de estar a mil quilómetros da casa, coa morriña que iso comportaba. Pero de repente entrei nun centro educativo de cinco mil alumnos onde se educaba en valores, onde non facía falta poñerlle a man enriba a ninguén, onde ademáis das clases e das horas de estudo obrigatorio, había tamén moitas horas de lecer, e para iso estaban os titores dos moitos colexos que conformaban aquel macrocentro; a miña residencia chamábase "Camarón", anticipando seguramente o moito que me chegaron a gustar ditos animaliños anos máis tarde cando os descubrín e os puiden pagar. 

En Cheste estudei moito, pero o mesmo que me pasou nos dous anos seguintes na UNI de Eibar, formeime e puiden facer moitas das actividades que sementaron o que fun facendo ao longo da vida. Impulsei a creación de murais escolares, emisora de radio, teatro, en presentación de concursos tipo "Cesta y Puntos", que os que peinan canas recordarán dos sábados en TVE; fun socio dos cineclubes nos que aprendín a ver outro tipo de pelis menos comerciais, que ás veces non entendiamos pero que alguén sempre se encargaba de explicarnos; cantei en galego para os cinco mil compañeiros naquel Paraninfo valenciano que era o cuarto máis grande de Europa, ou iso nos dixeron, no mesmo escenario onde escoitei ópera por primeira vez, ou gocei coa Sinfónica de RTVE ou con "Aguaviva", un dos grupos folk máis importantes de España. Dinme conta xa daquelas, e xa choveu, que os compañeiros cataláns e valencianos falaban o seu idioma de berce entre eles, e foi cando, xa en Eibar, empecei con quince anos a copiar os apuntes en galego facendo traducción simultánea, non por militancia política, xa que eu era un imberbe e o de Ferrol aínda falaba dos "Enemigos de la Patria" nos seus discursos de Nadal. Pero xa daquelas comezaba a dicirse que o profe de ximnasia era de ETA poli-mili; non esquezo que o atendado de Carrero Blanco pilloume na cafetería da Laboral con algúns compañeiros galegos agardando polo bus que nos levaba ata Zumárraga, ond subiamos ao tren dos emigrantes de Europa que regresaban tamén a vivir o Nadal na Terra.

E todas esas cousas fixeron que comezase a ver a vida de xeito diferente en plena adolescencia, era unha educación moi moderna pero moi esixente, había que estudar moito para manter a beca; o ambente era de total liberdade pero de absoluto respecto a profesores e educadores, como nunca debeu deixar de ser. Eu quedeime cunha frase que un día me dixo un titor na hora do estudo cando lle cuestionabamos a obrigatoriedade do mesmo despois da merenda: "é unha cuestión de xustiza social, estades disfrutando de algo que miles de rapaces non poden disfrutar", e iso quedoume gravado e apliqueino anos despois cando era eu o que tiña que convencer aos meus alumnos da Laboral de Ourense. E penso que a moitos, ao igual ca min, non lles veu nada mal ese recordatorio.

Te puede interesar