Opinión

Vermú con sifón

undefined

Aínda que xa pasou o día, non pasou a romaría; estamos en plena ponte de San Xosé, atípica como case todo neste tempos convulsos, pero ponte á fin e ao cabo. E seguro que seguen sendo moitos Pepes e Pepitas os que aínda celebran máis a súa onomástica que o día do aniversario. En Galicia nunca acabamos de levar ben eses anos nos que tal día coma onte non aparecía como festivo no calendario laboral, porque se hai algún santo que segue congregando a múltiples familias en torno a unha boa mesa ese é o santo carpinteiro, aínda que este ano tivera que ser fóra da casa por “prescrición facultativa”; por iso eu preferín aplazar a celebración para mellor momento, porque xustamente no San Xosé pídeme o corpo celebralo no domicilio familiar. 

Houbo tempos nos que case me esquecía do meu santo, pero nesta era do WhasApp como protagonista, son moitos os amigos que mo recordan xa a primeira hora da mañá, polo que non queda máis remedio que vestirse de “domingo” e sair á rúa a celebralo, lembrando aqueles outros momentos nos que as pequenas cousas, vividas con intensidade, proporcionaban grandes alegrías.

E para iso hai que volver a Allariz, sempre Allariz, e imaxinarnos de novo no Bar San Lorenzo ao mediodía, onde todos os Josés, daquelas non había Xosés, convidabamos aos nosos amigos ao vermú; porque ese día non tocaba nin Kas de laranxa, nin cervexa “San Martín”, nin viño “Rosales”; tocaba Vermú, “Cinzano” ou “Martini”, e con sifón por suposto, aínda que os máis botados para adiante regáseno cunhas “gotas” de xenebra. Nin que dicir ten que cun par deles ías xantar medio entonado, pero un día era un día. Desde aquelas o devandito sifón foi perdendo forza, e nunca mellor dito, ata chegar a estas épocas nas que é case imposible atopalo nalgunha cafetería; como moito ofrécenche “7up”, “Sprite”, “La Casera”, ou sucedáneos polo estilo, que o único que fan é estragar o vermú quitándolle o seu sabor orixinal. Eu levo facenco campaña desde hai tempo nalgúns destes locais que adoito frecuentar, e xa conseguín ir gañando para a causa a varios deles, e buscando buscando xa atopei algún supermercado onde poder mercalo; é verdade que sen aquel envase de cristal protexido por unha reixa de plástico, pero coa mesma forza de entón ao presionalo. 

Teño que dicir que unha botella de sifón pode durarme un ano, por aquelo de que o vermú xa case o deixei para as “festas de gardar”, pero poden crerme se lles digo que cando se me antoxa darme unha homenaxe non me importa nada meter o envase do chorro a presión dentro do meu macuto para bautizar o vermú nos locais máis próximos á casa nos que a maioría dos camareiros non saben nin de que lles falas;  e de paso meto tamén algunha bolsiña de améndoas ou de aceitunas por se o local en cuestión é un pouco rañicas á hora de poñerche algo co que “compangar” a beberaxe vermella que, ao dicir dos entendidos, está feita á base de mesturar alcol, viño e azucre con extractos de corenta herbas, raíces, flores, especias e froitas.

Hai uns anos ata recuperei en Portugal o sabor amargo dun destes aperitivos que me transportou moitos anos atrás ao Café Bar Quintas de Allariz, cando as miñas modernas primas do País Vasco pedían un “Campari” naquela terraza por onde vías pasar todo o tráfico da carretera Madrid-Vigo.

Onte lembrei moitos deses momentos felices de San Xosé, co sabor do vermú de por medio, e con sifón, por suposto.

Te puede interesar