Opinión

Virus a tutiplén


Pois non me deu tempo, non. Por moito que quixen acelerar a vacinación contra a gripe, a bandida xa estaba incubando o día que me puxeron a picada; co cal, ademais de facerme pasar uns días de reposo e tratamento no Álvaro Cunqueiro de Vigo para ter todo controlado e mantela a raia, impediume estar onte na entrega do Premio Ourensanía que tan acertadamente o xurado lle outorgou ao gran fotógrafo da Merca, Manuel Outumuro, do que me declaro seareiro incondicional, e a quen tería gustado de saudar e felicitar, compartindo momentos de tertulia, ou “corrillos” que dirían na capital do Reino, con moitos outros amigos ourensáns que por mor da pandemia levamos tempo sen facer.

E estas toses inoportunas tamén me impediron por segundo venres consecutivo formar parte do xurado do “Recantos” de “Luar”, a onde o amigo Gayoso me reclamou de novo para tratar de botar unha man mentres Andrade segue recuperándose das considerables feridas provocadas polo aparatoso accidente de circulación que sufríu, e a quen lle seguimos desexando a mellor das recuperacións.

Tampouco podo asistir á representación da última obra do CDG: “Recortes, caneos e outras formas de driblar”, na que actúan os amigos Touriñán, Escuredo, Fórneas, Zearreta, Cortés e Garrido, dirixidos por Tito Asorey, que na súa presentación escrita confesa que non é un apaixoado do fútbol, “senón unha desas persoas que, ou ben rexeitaron o fútbol sendo cativos, ou ben foron rexeitados por el ao non se lle dar especialmente ben. Mellor dito, ao se lle dar especialmente mal...” Afirmación coa que nos sentiremos moitos de nós ben identificados, aqueles que diriximos as nosas aptitudes por outros camiños que nos levaron a deixar os balóns e os campos de fútbol e coller micros cos que subir a outros escenarios que nos trataban bastante mellor.

Pero nada de iso impide que vaiamos gozar cando podamos, moitos xa o fixeron, con esta obra de Nacho Carretero e J.L. Prieto que esta fin de semana anda por Vigo.

“Aquí o fútbol é, se cadra, unha escusa, un contexto para falar de asuntos que nos interpelan e afectan a todos como sociedade...”

Non viría mal, que extrapolásemos estas verbas a ese controvertido mundial de Qatar, do que moitos renegamos, e que a estas alturas debería estar facendo que os responsables e xogadores de “La Roja” tivesen algún xesto significativo que, ao igual que xa están facendo outras seleccións como Australia, Dinamarca, Francia, Alemania ou Inglaterra, deixasen claro que diante dun acontecemento desta envergadura deberían ter moi presente o respecto aos dereitos humanos.

Nunca mellor dito “Voz que clama no deserto”, ou voces que nalgún momento deberon estar caladas como as de Xavi Hernández cando fixo unhas declaracións sobre a “tranquilidade e a seguridade do Emirato” que facían chorar ás mapoulas: “No tenemos llave de casa, dejamos el coche en marcha, en Qatar la gente es feliz...” Non dubido que unha gran maioría si será feliz cunhas contas bancarias de escándalo, pero gustaríame preguntarllo a todos os que tiveron que construir todos eses estadios e esas infraestructuras. Seguramente eles, parias da terra, tamén poden deixar as portas dos barracóns abertos, nada hai que roubar.

En fín, que a gripe inoportuna tamén me privará dun bó magosto, evitándome iso si pasar o trago de estar tres ou catro días sentindo fermentar as castañas que tanto me gustan e tan mal me sentan; isto de ir cumprindo anos é o que ten, pero o caso é ilos cumprindo.

Te puede interesar