Opinión

Volvemos "Bambolear"

Cando no verán de 2018 me ingresaron no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e nas noites dos sábados a TVG emitía os “Bamboleo” que eu deixara gravados para as vacacións de agosto, eu soamente tiña un pensamento recurrente, volver en canto puidese a ese plató que tantas alegrías me tiña dado. E con ese obxectivo na mente foron pasando os meses, un total de ano e medio, con tratamentos, internamentos e todo o que conlevan estas e outras enfermedades, nos que o meu pensamento non era outro que ir mellorando para poder poñerme de novo diante das cámaras. Foi pouco a pouco, primeiro reencontrándome de novo cos amables lectores de “La Región” e “Atlántico Diario”, logo volver aos micrófonos da Radio Galega no programa das noites de venres e sábados, un pasiño máis cando puiden volver a “Luar” a cantar e conversar co meu amigo Gayoso no mesmo sofá onde eu compartira coa audiencia a miña enfermidade e a miña retirada temporal; logo veu a proba de lume da presentación en directo do especial “Aquí Portugal” para a nosa canle e a RTP desde a Praza do Obradoiro, onde o intenso frío non puido coa miña ilusión; logo chegaron os recentes programas de “Pequenos Fenómenos” de Nadal, onde compartín presentación como sempre con Lucía Regueiro, quen con gran mestría levou o barco do “Bamboleo” na miña ausencia.

Pero como poderedes comprender, esta noite será a máis especial para min, volvo ao programa, e volvo a ese plató que tantas veces mirei desde a cama do hospital ou desde o sofá da casa, tratando de superar pouco a pouco as dificultades atopadas polo camiño; como digo sempre, que a ciencia médica faga o seu traballo que de botarlle ganas xa me ocupo eu. E aquí estamos, que non é pouco, con toda a emoción do mundo por volverme atopar cos miles de espectadores que aínda teñen a paciencia de aguantarme despois de tantos anos xuntos. Se tivera que contar as mostras de cariño recibidas por onde queira que vou, non chegarían as páxinas do xornal para reflectilas. 

Por iso permitídime que hoxe, nestas liñas máis personais que nunca, dea as gracias a tanta e tanta xente coñecida ou anónima que me quere e se preocupa por min; a esas persoas coas que me atopo polo rúa e me abrazan como se fose un máis da súa familia, ás persoas que aproveitan o momento de verme para compartir tamén as súas inquedanzas e as súas loitas particulares; a todas esas mulleres de pañoleta que ao cruzarnos pola rúa ou vernos polo hospital nos enviamos unha mirada cómplice e amiga de solidariedade e esperanza; e sobre todo, gracias ao persoal sanitario que me ten atendido e segue atendendo para que eu hoxe pola noite poda volver dicir iso de “Querida Parroquida Moi Boas Noites”.

E teño que agradecer profundamente aos xefes e directivos da Productora CTV e da CRTVG  que agardasen por min e que sempre me transmitisen a mensaxe de que en canto me atopase con forzas volverían contar conmigo; podedes imaxinar o reconfortante que iso é nos momentos máis complicados.

E, por suposto, aos directivos deste periódico por ter sempre un oco dispoñible para que semanalmente me comunique con todos vós, nesta autovía da palabra escrita que une Vigo con Ourense.

Te puede interesar