Opinión

Xabier Díaz baila con "Noró"

Que gran luxo poder ter a Xabier Díaz no noso programa da Radio Galega como aconteceu este pasado mércores. E que humildade!, esa que soamente posúen os grandes, cando te atopas con el entre camerinos e che dí: “Amigo Pi, a ver cando me convidas a tomar o vermú contigo”. E estao dicindo un compositor, cantante, investigador e compilador de música tradicional querido e respectado como poucos dentro e fora das fronteiras do Padornelo, e que vai presentar en cuestión de días un novo disco que o vai levar de xira por media Europa onde xa é aclamado o seu traballo, como en Alemania por onde vai pasar prácticamente todo o mes de marzo dando quince concertos, desde Düsseldorf ata Hanau, ou por Bélxica por onde soará a súa voz e pandeireta durante o mes de abril, sen esquecernos de Rotterdam en Holanda, onde vai actuar en febreiro co disco recén saidiño do forno, antes de facer a presentación galega no Auditorio “Mar de Vigo”, na Sala “Capitol” de Santiago ou no Teatro “Rosalía” da Coruña, para logo irse coa súa “troupe” á mítica “Galileo Galilei” de Madrid; e cando falo de “troupe” falo de todo ese equipo marabilloso que o acompaña e onde brillan con luz propia os músicos e as “Adufeiras de Salitre”, con quen xa tan ben lle foi no “Tambourine Man Tour”. “Todo un exército de parches para montar unha foliada de dimensións ciclópeas” como alguén escribíu moi acertadamente.

Unha conversa con Xabier Díaz é un canto á beleza, ao sentimento e á paixón, tamén é puro divertimento, porque el se encarga de que así sexa, e por riba de todo é unha lección de amor profundo ao noso País, do que el quere levar a outros lares os nosos aires novos, deixándose empapar tamén dos de aí fora cos que se enriquecer persoal e profesionalmente. Porque se algo ten claro o noso cantor é que ademáis de dar os seus concertos e gravar os seus discos persoais, hai de fusionar a súa arte coa de outros grandes artistas como Kepa Junkera, Guadi Galego, Amancio Prada, Uxía, Budiño, Luar na Lubre, Cempés ou Carmen París por citar soamente algúns; e ter sempre as maletas dispostas para viaxar a México, Zimbawe, Arxentina, Noruega, Italia ou calquera outro lugar do mundo onde se ame a música de verdade.  

Alegreime saber que cando exercín de xurado nos Premios da Crítica de Galicia e lle outorgamos o galardón a “Nova Galega de Danza” no apartado de “Artes e Ciencias da Representación”, Xabier Díaz era o cantante titular da estupenda Compañía, da que eu me confeso devoto seguidor, como o fun de Berrogüeto ao que o noso artista entregou corpo e alma durante os anos marabillosos de andadura do grupo.

Chega agora Xabier Díaz co seu “Noró”, e chega para volver emocionarnos e seguir colleitando éxitos e premios como os que xa atesoura ao longo da súa carreira, desde o “Martín Códax” ata o da “Música Independente” ou o da “Academia da Música”, e chega sobre todo para facer felices a aqueles que acudimos a velo, a escoitalo e a bailalo e, como ben dí un bó amigo meu, para gozar da beleza e da elegancia en escea, opinión que refrendo totalmente.

Te puede interesar