Opinión

O país dos mil ríos e dos fez mil verquidos

Ríos, regueiros, ecosistemas fluviais…aloumiñan a paisaxe, dan nome a moitos recunchos da nosa terra, producen riqueza, son vitais para a vida e fan que Galicia sexa coñecida como “O País dos mil ríos”. Os ecosistemas acuáticos continentais, ríos, lagos, humedais, son elementos fundamentais do noso territorio, acollen servizos esenciais para o ser humano: auga para a vida, para o lecer e para os usos económicos, regulación da formación e fertilidade do solo, articulación da paisaxes, fonte de inspiración cultural e relixiosa.

O uso intensivo que o ser humano fixo destes ecosistemas—canalizando, encorando, alterando a súa forma e o seu funcionamento, extraendo auga sen control, verquendo todo tipo de refugallos, verquendo augas sen depurar—, degradou os ecosistemas pondo en perigo a súa capacidade de seguir prestándonos estes servizos. Detectadas as eivas a Unión Europea aprobou no ano 2000 a “Directiva Marco da Auga”, pasando dunha visión productivista ao que ten que ser unha xestión de sustentabilidade do recurso hídrico, nacía unha "Nova Cultura da Auga" unha nova relación dos humanos cos ecosistemas fluviais, pasando dun enfoque de dominación da natureza cara unha visión de convivencia co medio.

Directivas da Unión Europea e a lexislación que as desenvolve en Galicia, incumprense reiteradamente non facendo frente aos problemas de perda da calidade da auga, da degradación dos ecosistemas acuáticos, da contaminación das fontes de suministro…Urxe realizar unha xestión avanzada dos sistemas de saneamento e drenaxe urbano, é imprescindible minimizar os impactos das augas residuais nos ecosistemas naturais, mais tamén resulta necesario incorporar novas formas de xestión, aplicar as normativas e facer cumprir a lexislación, fomentar a participación cidadá mediante consellos consultivos e órganos de participación pública.

Barbaña, Loñoá, Miño, Limia, Arnoia, Arenteiro, Avia, Sil, Támega…teñen que deixar de ser noticia por verquidos de todo tipo de contaminantes, débese de rematar coa impunidade con que actúan os delincuentes medioambientais. Todos e todas somos culpables, aínda que ben é certo que uns máis ca outros, neste senso as administracións públicas (alcaldes, fiscalía, confederacións hidrográficas, Xunta de Galicia) teñen demostrada unha total incompetencia, insensibilidade e incomprensible deixadez de funcións…

Diante do enésimo verquido producido no Barbaña (14 de agosto de 2014) é bo lembrar que os investimentos prometidos e orzamentados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil seguen sen realizarse neste pequeño afluente do Río Miño. Depuradoras cun forte investimento de diñeiro público seguen sen funcionar (Pereiro de Aguiar). Moitas depuradoras ao longo da provincia apagadas ou non axeitadas. Moitos nucleos de poboación verquen as súas augas residuais sen ningún tipo de control. Non é de recibo que as cianobacterias sexan un problema de saúde pública (encoro de Cachamuiña, encoro de As Cunchas…).

Te puede interesar