Opinión

Iniciativas culturais en Ourense: o 8 de maio

Sobrevivimos na cidade de Ourense nun declive cultural sen precedentes. Lonxe quedan as axudas do Concello a institucións que desde o pasado ao presente seguen enchendo de vida a vella Auria, e non existe vontade de mudar esa tendencia de privatizalo todo. Pero aí están as fundacións Vicente Risco e Curros Enríquez cunha oferta impresionante. Non esquezo á Fundación Otero Pedrayo, coas interesantes xornadas no Abril Oteriano e a presentación doutro epistolario máis de don Ramón. Do Liceo de Ourense, nada que dicir, porque calquera pode comprobar que ten a honra de ser “templo da cultura galega”, e só reproduzo as palabras de moitos escritores, poetas e artistas galegos. Do Foro La Región, que atende a multitude de temas de actualidade, con poñentes de prestixio e cunha pluralidade encomiable, só podemos estar orgullosos de que o noso xornal manteña estes retos con continuidade nestes tempos de desalento. Algunhas asociacións de veciños programan unha interesante oferta cultural, e agrupacións musicais van adquirindo un bo nivel que van perfeizoando con constancia e dedicación.

Outros grupos, por ser minoritarios, non son menos importantes. Entre eles está a agrupación municipal de PSdeG-PSOE e Xuventudes Socialistas de Ourense, que ven de celebrar o día 8 de maio. Este día fora elexido festivo na Franza en 1953, para conmemorar a vitoria dos Aliados sobre os poderes fascistas. Despois de que Charles de Gaulle quitara a festividade seis anos despois, foi en 1981 cando François Mitterrand a recupera. Así, en Ourense, renderon homenaxe a milleiros de persoas que non lles quedou outra que exiliarse como consecuencia da Guerra Civil. Para elo proxectaron un documental producido por TVE e a Fundación Pablo Iglesias en 2002, coa idea de Alfonso Guerra, música de  Jorge Maletá e dirección de Pedro Carvajal; pódese ver na rede na web de Cervantesvirtual. O acto de homenaxe foi presentado por Natalia Benéitez e interviron Xosé Lois Carrión e J. Ramón Morgade, que recitou varios poemas. Faltou un tempo de debate e un intre musical, con todo, a iniciativa estivo chea de emocións cando falaban os poetas como León Felipe: Franco... tuya es la hacienda…/ la casa, el caballo y la pistola…/ Mía es la voz antigua de la tierra./ Tú te quedas con todo/ y me dejas desnudo y errante por el mundo…/ mas yo te dejo mudo... ¡mudo!… /¿Y cómo vas a recoger el trigo/ y a alimentar el fuego/ si yo me llevo la canción?  

Tamén se xenerou un silenzo reflexivo cando algunhas testemuñas eran críticas coa propia esquerda asasina de Stalin. Non quero imaxinar este tipo de actos sen sobresaltos. Porque nunca estivo a perfeizón en maus de ningunha ideoloxía. Outra cousa é a excelencia de saber gañar  e perder na democracia actual. Outra cousa é coñecer as orixes de cada quen, e en calquera caso, a capacidade de mudar de rumbo coas novas xerazóns. Porque as ideoloxías que non evolucionan, están condenadas a repetir os erros ou de cometer outros peores. E así, no entorno do Centro Cultural da Deputación de Ourense, un bo grupo de persoas encheron a “sala Progreso” para dar voz aos exiliados e lembrar todo o que este país perdeu a nivel intelectual e social. Estes actos potencian a mentalidade democrática e desenvolven a realidade plural do noso entorno intelectual. Pois para iso só hai que ler e pensar, para que ninguén pense por nós e chegue a convencernos de que se chegamos a ser escravos, será para o noso ben. O feito de ollar para a historia sen complexos é unha realidade noutros países de Europa. Desde hai moitos anos, algúns antigos campos de concentración nazis foron transformados en museos. Para que non volva acontecer o que nunca tivo sentido, que arrebatou millóns de mortos e xerou miseria, sufrimento, dor e separación. Pois como dicía Cicerón: “No saber lo que ha sucedido antes de nosotros es como ser incesantemente niños”.

Te puede interesar