“Aí vén o maio!”, cunha boa canteira

AO SON DAS COPLAS

Este domingo, distintas agrupacións engalanarán as rúas da cidade coas súas construcións de musgo, xestas e carrabouxos, para celebrar a festa da primavera ao son das coplas e cunha ilusión que asegura que a tradición perdure no tempo.

Agrupación Cultural Auriense cosiendo el musgo a uno de sus Maios.
Agrupación Cultural Auriense cosiendo el musgo a uno de sus Maios. | Miguel Ángel

Arrancou xa o mes de maio. O mes no que Ourense da o seu particular e tradicional saúdo á primavera. Será este domingo cando as construcións de musgo, xestas e carrabouxos engalanen as rúas da cidade ao son das coplas, elaborado todo con moito cariño e mimo.

Para que iso suceda, pequenos e maiores levan traballando arreo estas últimas semanas nas súas creacións. “Empezamos con tempo, pero tampouco moito, porque hai que ter en conta que todo está feito con elementos naturais e hai que mantelos”, explica Begoña, da Agrupación Cultural Auriense. No seu caso van presentar dúas pirámides como “Maios enxebres” e un máis artístico, dedicado no seu caso a unha figura destacada da cultura galega –preferimos manter o misterio e que vostedes poidan descubrilo este domingo –día 4– nas rúas de Ourense, niso tamén consiste a maxia desta tradición–.

Ao longo desta semana lévanse reunindo todos os días, tamén o luns cando non había luz en ningures. “Por sorte no baixo onde os estamos facendo entra luz máis que suficiente”, celebra Laura, outra das integrantes da agrupación, “pasamos unha tarde moi entretida cosendo o musgo”.

Ilusión compartida

Os nenos desfrutan desta festa que van coñecendo tanto na escola coma no seu entorno familiar. “É bonito poder pasar a tradición de xeración en xeración”, sinala Laura, que como mostra do moito que lle gusta esta festa, a súa filla chámase Maio. “Pásoo moi ben preparando os Maios”, asegura a pequena, de nove anos. Non é a única nena que participa nesta agrupación, entre outros tamén esta Nuno, que di con orgullo que el é o encargado de vender as coplas. “Eu cántollas a xente que pasa por alí e cómpranme moitas”, celebra entusiasmado, mentres repasa os temas que tratan este ano nas súas composicións.

Estes rapaces, e moitos outros, son o vivo exemplo de que hai canteira para que os Maios continúen sendo unha tradición. Con todo, a mesma ilusión ca eles téñena os máis maiores. Na residencia San José de Rairo está case todo listo para este domingo. Pilar Gómez, a animadora sociocultural, leva anos organizando aos usuarios para facer os Maios. “Tratamos de facer actividades relacionadas coas festas que teñen lugar ao longo do ano, porque tamén son recordos que eles teñen da súa vida”, explica.

Conchita Sanz, unha das residentes, é a encargada de elaborar as coplas. “Gústame moito facelas, son unha combinación de crítica e burla de cousas que pasaron ao longo do ano”, conta con emoción. Ademais das construcións e as letras, nesta residencia son coñecidos por facer coroas con xestas. “É o noso símbolo de identidade”, aseguran Josefa, Lola, María e Flora, outras das usuarias, mentres as preparan para poder vendelas o domingo ás persoas que se acheguen a ver o seu Maio, que neste caso, vai representar moi ben o espírito da residencia.

Se o tempo o permite, estes maios e outros moitos que se están a facer en diversos puntos da cidade estarán expostos na rúa do paseo, para que os cidadáns e visitantes que se acheguen ata a cidade poidan desfrutar deles.

Contenido patrocinado

stats