Opinión

Adeus á independencia

Ás veces mirar cara atrás e lembrar a historia pode axudar a entender que na política hai moi poucas cousas que non aconteceran no pasado da humanidade. E aténdonos a un refrán moi galego, vale máis un arreglo que un bo pleito.

Nos tempos do imperio romano discutían cal sería a mellor maneira de ampliar ás fronteiras dos dominios de Roma. Uns defendían a forza das armas, mentres outros falaban de camiñar pola vía dos pactos e acordos coas xentes das zonas chamadas a seren dominadas. Nesta terra, mostras hai de acordos que quedaron plasmados no metal de entón.

Pois ben, algo semellante pasou cando o sr. Rajoy aplicou o artigo 155 e limitou a autonomía a Cataluña. Recortar o Estatuto aprobado en referendo polos cataláns , documento que falaba da nación catalá, marcou o inicio da chamada vía unilateral de independencia e que logo trouxo un referendo sen valor xurídico e o encadeamento de líderes xunto á fuga do presidente da Generalitat e todo o que veu despois. 

A política da forza e da aplicación do pau e tente teso foi un fracaso que lle deu alas ó independentismo e aumentou a tensión política no Estado. Mais o xiro que lle deu o presidente Sánchez, defendendo medidas de gracia e achegamento á sociedade catalá para entender ó sentir desta, e o cambio na política, moi criticado pola dereita e os da extrema dereita, pasado un tempo deu os seus froitos e trouxo unha vitoria dos socialistas que fará mudar moitas cousas na vida dos cataláns.

Con todas as dificultades que pode ter formar goberno, ou si houbera que repetir as eleccións, as cousas en Cataluña mudaron e moito. Os partidarios da independencia e do referendo de autodeterminación, ó perder o poder, seguro que terán que facer unha fonda reflexión pois a maioría dos cataláns non son independentistas. Ademais terán que pensar no alto grao de abstención que houbo nas eleccións. Dentro duns días seguro que albiscaremos cambios de estratexia. É moi probable que, aínda que se fale de novo de referendo, soamente sexa para modificar o Estatuto e pouco máis.

Perder o poder ten consecuencias moi serias para os que dalgunha maneira sempre o tiveron e gobernaron. E forzar eleccións de novo é un risco que soamente favorece a quen xa as gañou e pode castigar o grupo que sexa o culpable de ter que convocalas. Semella que esa opción ten poucos visos de saír adiante.

Nos tempos que vivimos, onde o diálogo escasea, en Cataluña abriuse unha fiestra para chegar a acordos e traballar por arranxar os problemas dos cidadáns, para que estes teñan mellores servizos e avanzar como sociedade emprendedora e vangardista que sempre foi.

A política da vía unilateral e da independencia finou. E pasada a treboada virán as conversas e o diálogo. E iso sempre é moi positivo.

O Goberno de Sánchez respira de novo, e os augurios de que España se racha pararán de escoitarse alomenos por un tempo. No tocante ó Partido Popular, deixarán de falar da amnistía e terán que mover a liña de actuación, pois o seu discurso cansino e repetitivo de que todo vai mal comenza a quedar fora de lugar. A política do diálogo abre un novo tempo, mais a independencia quedou finiquitada alomenos por bastantes anos. En fin, por moito que manque, Sanchez acadou unha vitoria que marca unha nova etapa. Esperemos acontecementos. 

Te puede interesar