Xornal Escolar
Aprendendo a facer ciencia en Mariñamansa
O colexio de Mariñamansa celebrou o Día da Muller e da Nena na Ciencia durante todo o mes de febreiro con diferentes actividades: charlas, selección para os fondos da biblioteca, experimentación con microscopios, satélites, robots e tipos de solo...
Dende a Biblioteca escolar, en colaboración coa Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, organizáronse catro sesións moi interesantes con investigadoras ourensás de diferentes ámbitos. A primeira delas foi María José Vázquez Figueiredo, profesora da facultade de Educación e Traballo Social, que lle explicou os pasos a seguir nas investigacións do seu grupo e axudou a reflexionar sobre os nosos procesos de toma de decisións.
Tamén estivo Silvia Romeo Río, bióloga, que lles amosou diferentes tipos de solo, os bichiños máis comúns nos diferentes sustratos e algunhas rochas propias da zona. Outras das participantes foi Uxía García Luis, enxeñeira aeroespacial, explicando satélites, drons, robots tipo "rover" e respondeu a moitas das preguntas sobre o espazo, internet, astronautas e avións.
A cuarta convidada foi Alicia Pérez Paz, microbióloga que repetía por segundo ano no centro, falando do ADN e das células. Os alumnos puideron comprobar a súa existencia aprendendo a manexar un microscopio. Foron xornadas moi especiais para todo o alumnado, que está desexando repetir esta iniciativa.