Xornal Escolar
As mates máis divertidas están en Carmelitas
Algoritmo baseado en números é o seu nome. E, aínda que poida parecer moi técnico, o método ABN é un éxito entre os alumnos máis pequenos, que se achegan ás matemáticas dun xeito divertido e aprenden a xogar e entender os números dende os primeiros cursos.
En Carmelitas, dende a clase de 3 anos e durante toda a Primaria, os profesores aplican esta fórmula de ensino coa que teñen acadado grandes resultados entre o seu alumnado. Mentres eles pensan que xogan, en realidade están aprendendo. E fano nunha das materias coas que menos cariño lembramos a nosa vida académica. Pero as matemáticas xa non son un problema para os alumnos do centro educativo da cidade.
Despois de varios anos de aplicación do método con moi boa acollida entre o alumnado e unha comprobada efectividade a medida que soben de nivel, nestas primeiras semana do novo ano académico, os pequenos están refrescando as súas memorias do aprendido no curso pasado. O verán non fixo demasiados estragos nos cativos, que son uns expertos descompoñendo números, contando ingredientes na súa divertida pizzería e tamén sumando billetes.
As matemáticas agora xa non teñen problemas para os alumnos de Carmelitas. Agora son unha diversión na que os números deixaron de ter segredos para eles.