REUNIÓN

Xinzo acolle unha xunta para a xestión dos fondos Leader

Os sectores con máis puntuación son o sector agrario, o ambiental, o termal e o sector servizos a persoas maiores
 

O Concello de Xinzo acolleu o pasado venres, ás 20.00 horas, a primeira xuntanza entre os membros da xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural da Limia (GDR10), organismo que ten como obxectivo a xestión dos fondos Leader para desenvolver iniciativas empresariais no rural, e os alcaldes e alcaldesas da comarca limiá. 

A reunión foi de carácter informativo. Entre outros aspectos, comunicouse o prazo de solicitude de proxectos, que será dende o día 31 de xaneiro ata o vindeiro 31 de marzo. Tamén se informou da composición e horarios dos centros de traballo. En Xinzo, se atenderá ao público de luns a venres dende as 09.00 horas ata as 15.00 horas. O centro de Celanova abrirá as súas portas martes, xoves e venres dende as 10.00 horas ata as 14.00 horas. O mesmo horario terá a oficina de Allariz, pero neste centro se traballará luns, xoves e venres.

Outra cuestión importante da que se deu conta foi do orzamento dispoñible para este ano 2017, e que ascende a 563.337,58 euros. A partida total para o programa, ata o 2022, é de 3,8 millóns de euros.

Con respecto aos proxectos, os de carácter non productivo como son os relacionados cos servizos sociais, escolas infantís, servizos a domicilio para os maiores ou vivendas comunitarias poderán ter unha subvención de ata o 90 por cento. Mentres tanto, os proxectos de carácter productivo relacionados coa creación, modernización ou ampliación de empresas optarán, como máximo, a un financiamento do 50 por cento.Os sectores con máis puntuación para optar a un maior porcentaxe de axuda son o sector agrario, o ambiental, o termal e o sector servizos a persoas maiores. 

As vindeiras reunións do GDR10 serán a vindeira semana en Celanova e Allariz. 

Te puede interesar