AXENDA CULTURAL

Os riscos de esconder un segredo

Doli Pereira presenta esta tarde a súa primeira novela, unha historia na que Elena descubrirá que Javier ten un lado escuro que lle oculta

Doli Pereira na presentación de "Amanecer", publicado no 2017.
Doli Pereira na presentación de "Amanecer", publicado no 2017.
Os riscos de esconder un segredo

A raíz dunha historia que escoitou fai moitos anos, Doli Pereira (Verín, 1975), atopou a inspiración para escribir a que é a súa primeira novela, "Cuando el alma tiene dos caras". Abre así una nova etapa na súa faceta literaria, que comezou xa con doce anos, cando escribiu o seu primeiro poema, para publicar máis tarde os poemarios "Vaivén de recuerdos", no 2015, e "Amanecer", o pasado ano.


Hoxe presenta na Biblioteca de Verín o seu último traballo, "Cuando el alma tiene dos caras", ás 19,00 horas, cunha trama que asegura "está gustando moito, porque ata o último capítulo non se desvela o segredo que esconde a historia".


Este "escuro" misterio do que fala Pereira afectará aos dous personaxes principais da historia. "Elena é unha moza moi favorecida, que pensa que só co físico pode lograr o que queira. Cando coñece a Javier, decide deixalo todo e vaise con el  a Bangladesh, onde resulta que non todo é tan maravilloso como parecía de primeiras", explica Pereira. Os problemas desta parella comezarán cando alguén quere desvelar unha información sobre Javier: "Trátase dun segredo que el garda porque lle avergonza moito, e poñerá de manifesto a súa outra cara. El é un home de negocios, moi exitoso, pero que esconde unha personalidade moi escura".


A pesar de que o que oculta o protagonista masculino está basado nun feito real, a raíz diso "creei personaxes novos e situacións diferentes, porque non sei que aconteceu realmente con estas dúas persoas nas que me inspirei, e fun perfilando a novela", recorda Pereira.


Este é un traballo de máis de tres anos, que mostra unha historia na que se pon de manifesto "un tema que me interesa, que é a violencia de xénero, pero noutro tipo de status social máis illado, onde hai implicadas persoas millonarias".