Allariz pon a disposición de mozos e mozas un estudo de gravación

Carlos Durám, técnico de Radio Allariz
photo_camera Carlos Durám, o técnico que se encargará do estudo de gravación.
"Nós intentamos facer asembleas para dar saída ás peticións que ten a mocidade e esto foi algo que nos pediron explícitamente", explicou o concelleiro de Mocidade de Allariz, Iago Santás. 

Coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas, o Concello de Allariz, a través do departamento de Mocidade, Infancia e Voluntariado, inaugurou dous novos espazos que xa están a disposición da xuventude da vila na Casa da Mocidade -ubicada na rúa da Liberdade, ao carón do parque da tirolina-. Trátase dun estudo de gravación e dunha zona para facilitar as tarefas escolares e o estudo. 

No último caso, o espazo de estudo ou "Aula do saber", este xurdiu, tal e como apuntaron dende o Goberno local, "coa idea de facilitar a toda a mocidade dende os 14 anos un lugar adecuado para a actividade académica". A nova sala conta con acceso a internet e mobiliario adaptado ás necesidades dos estudantes. Neste extremo, o  horario de apertura será de luns a sábado, de 09,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 21,00 horas. "É un espazo puramente de estudo", precisou Iago Santás, concelleiro de Mocidade de Allariz. "O que nos pasaba antes é que na biblioteca, que tamén é de préstamo, xerábase un pouco de ruido. Esta nova sala estará completamente en silencio", engadiu o concelleiro, que puntualizou que o equipamento do espazo -cadeiras e mesas novas- é novo. 

Iria González, técnica de Mocidade (1)

Por outra banda, o estudo de gravación estará a disposición de todo aquel que o precise, sempre baixo reserva en [email protected] ou no telefono 988 680 434. Preténdese que os rapaces e rapazas da vila teñan a ocasión de gravar as súas propias maquetas e traballos. "É un estudo semiprofesional ao que poden acceder os rapaces. É totalmente gratuíto e o técnico da radio será o encargado de atendelo", precisou o edil alaricano. "O equipo é novo e xa está tamén a disposición dos usuarios", engadiu. 

Santás asegurou que existía unha demanda dos mozos da vila para crear estes espazos: "Nós intentamos facer asembleas para dar saída ás peticións que ten a mocidade e esto foi algo que nos pediron explícitamente", explicou o concelleiro de Mocidade de Allariz, que animou "a todos aqueles que queiran gravar o seu proxecto, sexan regueifas ou rap a que veñan a facelo á mocidade e a que o fagan en galego". 

Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou esta nova iniciativa coma "unha máis no desexo por ofrecer servizos e seguir reforzando a a calidade de vida de Allariz". Do mesmo xeito, a rexedora nacionalista agarda que os novos espazos "poidan estar en funcionamento moito tempo para cubrir todas as necesidades que poidan xurdir tanto nos alumnos de bacharelato, da universidade ou nos propios estudantes de oposicións".

Te puede interesar