gastronomía

20 pinchos compiten nas xornadas da carne do boi

Haberá un concurso de tapas no que os veciños decidirán a gañadora de entre as 20 propostas participantes

Un total de 25 hosteleiros de Allariz participan na VII edición das Xornadas de Carne de Boi, que hoxe comezan por toda a vila. Cunha serie de menús elaborados para a ocasión, os veciños e visitantes terán a oportunidade de degustar pratos compostos por este ingrediente como elemento principal. Por unha banda, unha quincena de establecementos forman parte do programa con menús especiais, mentres por outra, son 20 os participantes no concurso de tapas. 

Dende hoxe e ata o 14 de outubro, os hosteleiros alaricanos inscritos no concurso ofrecerán pratos como chupito de parmesano crocante con boi, potaxe de faba roxa, hamburguesas ou empanadillas, entre moitos outros. Serán os comensais os encargados de votar as tapas ganadoras mediante as papeletas disponibles nos propios establecementos. Para poder decidir o seu pincho favorito, deberán ter probado cando menos catro tapas en diferentes locais. 

A degustación de tapas contará, ademais, co premio dunha fin de semana para dúas persoas e un lote de productos ou un vale de 200 euros para consumir nos comercios de Allariz. O ganador decidirase mediante sorteo entre aqueles que presenten o selo de todos os locais participantes. Paralelamente, os que só presenten catro tapas consumidas, poderán optar a unha comida para dúas persoas e un lote de productos. O sorteo celebrarase o sábado 27 de outubro ás 12 horas no Mercado da Reserva da Biosfera.

Os responsables da Área Económica do Concello, así como a alcaldesa, Cristina Cid, e representantes dos hosteleiros, foron os encargados de presentar onte as xornadas deste ano.

Te puede interesar