Despois dunha longa e intensa semana, Allariz puxo punto e final a Festa do Boi 2023, un acontecemento que achegou ata a vila alaricana a milleiros de persoas para coñecer a tradición da saída do boi, desfrutar co ambiente e bailar ao son da música.
A xornada dominical comezou cun pasarrúas da man das charangas Sugarri e os Zes Pereiras, que ata o final estiveron ao 100% para facer gozar á veciñanza e visitantes. Xa pola tarde, volveron saír, esta vez acompañados tamén de Murga Achicoria para animar o ambiente de cara á derradeira saída dos bois, ás 19,00 horas. Unha carreira que desfrutaron todos os presentes. Foi o Xan de Arzúa o que dixo adeus ao Boi, como vén sendo tradición.
Tras isto fíxose o peculiar traslado ata a Casa do Boi na compaña da música de Murga Achicoria, culminando así a edición da Festa do Boi deste ano.