“Temos unha vila romántica que debemos promocionar'

Carlos Airas.
As parellas son as protagonistas do romántico fin de semana organizado por uns vinte comercios e restaurantes alaricanos co motivo da celebración 'Allariz. Vila e corte romántica'.
En que consiste a proposta?
Aproveitando o día de Rosalía, que se conmemora o 24 de febreiro, organizamos diferentes actividades culturais e musicais combinadas con ofertas no comercio e nos restaurantes locais. Neste senso, os hosteleiros prepararán tapas de namorados que serán gratis para as parellas que se biquen. Tamén haberá un concurso de fotografía no facebook que consistirá en colgar fotos de parellas bicándose.
Unha proposta moi picante...
Si. Este ano decidimos facer algo chamativo, sobre todo na hostelería, onde haberá tapas románticas e eróticas, non so no nome, tamén nos sabores, na textura ou na forma.

Allariz é unha vila romántica?
Eu penso que si, son moitas as parellas que nos visitan os fins de semana. O obxectivo é crear unha oferta específica para eles e promocionala entre todos para que perdure no tempo.

Como xurdiu a idea?
Este era un proxecto que tiñamos en mente dende hai tempo e a través do cal queremos empezar a dinamizar a vila máis alá das actividades que organiza o Concello. As subvencións públicas están ben, pero penso que estabamos todos moi acomodados co 'papá' Estado e iso non nos facía ser bos profesionais. En Allariz hai bo comercio, boa hostelería e damos un bo trato ó cliente. Temos que tratar de promocionar todo iso, mixturado cunha oferta atractiva, para conseguir que a xente nos visite.

E para o resto da poboación?
A idea é que, unha vez fusionemos as asociacións de comerciantes e hosteleiros e contemos cunha persoa con adicación 100%, ampliemos as ofertas e as actividades. Por certo, xa estamos a organizar unha feira de ocasión que desenvolveremos no polideportivo os días 2 e 3 de marzo.

Te puede interesar