NATUREZA

Allariz volve abrir o sábado as portas do Festival de Xardíns

Doce propostas conforman esta edición, que xira ao redor da memoria e os 700 anos da Festa do Boi

Allariz volverá abrir o sábado as portas do seu Festival Internacional de Xardíns, que chega este ano á oitava edición baixo o lema da memoria e a celebración do 700 anoversario da Festa do Boi. O alcalde de Allariz, Francisco García, acompañado polo concelleiro de Medio  Ambiente, Bernardo Varela, presentaron onte un evento que "é unha referencia turística de primeira magnitude" na vila, segundo afirmaba o alcalde alaricano.

Francisco García aportou algún datos que reafirman este papel do Festival, no que nestes oito anos participaron 213 proxectos procedentes de 21 países, recibíu 206.000 visitantes e recadou 182.000 euros pola venda de entradas. Así mesmo, é xa unha cita ineludible para moitos profesionais e empresas do sector do paisaxismo e a xardinería. Tamén resaltou Francisco García que na organización do Festival están implicadas as concellerías de Medio Ambiente, Cultura, Promoción Económica e Obras, xunto con todo o persoal que está ao servizo do Concello.

Esta ano o Festival presentará dez propostas procedentes de Galicia, Madrid, Italia, Brasil, República Checa, Austria, Polonia e México, ás que se unirán a creación que presentan todos os anos os alumnos do Colexio Padre Feijóo de Allariz e o proxecto gañador do ano pasado, "Terraformación" do galego José Souto.

O alcalde alaricano sinalaba que esta edición tamén está caracterizada pola "gran diversidade de propostas. Pretendíamos unha reflexión sobre a historia do xardín, partindo da Idade Media co referente dos 700 anos do Boi e moitas propostas están centradas máis na memoria, desde o punto de vista das neuronas e do coñecemento". Sinala o alcalde que os expertos afirman que "este ano será unha boa edición", pois hai desde xardín conceptuais e minimalistas a outros máis estéticos, proxectos con moito percorrido, con mensaxe e creacións novedosas, como un xardín colgante sobre cinco bolas de helio, "un reto pola súa novidade e complexidade e que vai sorprender", afirma Francisco García.

“O erotismo no xardín", o lema para 2018

Se ben aínda non se inaugurou a edición de 2017, Allariz xa está a traballar na edición de 2018, e nos actos no primeiro sábado animará a presentar os seus proxectos a todos os que queiran particiar na edición do ano que ven, que xirará ao redor do tema "O erotismo no xardín".
Este ano, segundo Bernardo Varela, repetirase a xornada dedicada a apicultura e haberá o campeonato galego de poda en altura. Así mesmo, a Asociación Galega de Xardinería celebrará un ano maís a súa asamblea xeral en Allariz.

O Festival estará aberto ao público ata o día 29 de outubro e o alcalde tamén quiso resaltar o apoio que está a recibir dos veciños de todo o Concello, "que se sinten orgullosos desta iniciativa", o que pon de manifesto que aparte da rendabilidade económica e o seu impacto turístico sobre a economía da vila, tamén ten un gran impacto social.

Te puede interesar