Lobeira recibe o libro homenaxe a Xaquín Lorenzo

santalices
photo_camera Concha Losada, Miguel Ángel Santalices, Antonio Iglesias e Manuel Vilar.
O volume foi entregado polo presidente do Parlamento de Galicia ao rexedor municipal

 O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, entregou onte ao alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias Álvarez, un exemplar do volume "Xocas revisitado. Lembranza de Xaquín Lorenzo Fernández". 

O libro foi editado polo Museo do Pobo Galego co patrocinio do Parlamento de Galicia e recompila, ademais de outros traballos adicionais, os contidos da sesión académica celebrada o 18 de xullo de 2019 en Ourense, coincidindo co trinta a aniversario do pasamento de Xaquín Lorenzo.

No acto de entrega participaron tamén a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e mailo director do Museo, Manuel Vilar.

A entrega do libro ao Concello de Lobeira obedece aos vínculos de Xaquín Lorenzo con este municipio onde pasou parte da súa infancia na casa familiar de Facós, na que faleceu o 18 de xullo de 1989. Ademais, a entrega formal do libro tivo lugar na mesma data na que se celebra a Romaría do Viso, a máis populosa da Baixa Limia e que foi obxecto de estudo por parte do etnógrafo de Lobeira.

O libro será presentado oficialmente nun acto programado para o vindeiro mércores, 26 de maio, na sede do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, segundo adiantou Miguel Ángel Santalices.

Desta maneira, o Concello de Lobeira é un dos primeiros en poder contar cun destes exemplares de "Xocas revisitado. Lembranza de Xaquín Lorenzo Fernández", en vísperas da presentación oficial no Museo do Pobo Galego.

Os responsables municipais agradeceron o xesto do presidente do Parlamento de Galicia tras recibir o volume.

Te puede interesar