Raigame coroa como a capital da cultura galega a Vilanova dos Infantes

Artistas e artesáns de toda a comunidade e de Portugal encheron de música e colorido as pétreas rúas do burgo medieval

O pasado e o presente déronse a man onte en Vilanova dos Infantes nunha nova e sorprendente edición da romaría entográfica Raigame na que se puxo de manifesto o futuro prometedor da cultura galega. 

A choiva non restou gañas nin público a unha celebración que, durante toda a xornada, contou con ducias de exhibicións das artes e tradicións nas rúas e prazas. Cantareiras, pandereteiras e grupos de baile e música tradicional puxeron a banda sonora a unha festa que, dende fai dúas décadas, supón un punto de encontro e confraternización para a veciñanza e un grande escaparate para as belas artes e oficios da comunidade. “Non hai un acto en toda Galicia que mellor represente e homenaxée as letras galegas que Raigame, porque engloba o todo: o marco, as actividades, os oficios, a cultura, as artes.. e todo en galego, na nosa lingua”, dixo o presidente da Deputación, Luis Menor, reivindicando o orgullo ourensán.

Ampla programación

O día quedouse curto para poder desfrutar da ampla e variada programación, froito do traballo do Concello de Celanova e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación e ducias de voluntarios, con espectáculos de baile e música tradicional, pero tamén das proxeccións de cine, de exposicións, monicreques e visitas guiadas, de contacontos e, como non, tabernas e postos gastronómicos. “Vir a Raigame é especial, pero é que o pobo non precisa de moito máis para vir pasar un bo día”, comentaba Loli, dende o seu posto de artesanía Abn na Estrada de Celanova. Xunto a ela, María del Carmen, de Marvida, ou Sara, de A Sariña Maquinando, nunha longa ringleira de artesáns galegos, daban mostra do seu bo facer nun escaparate que continuaba polas prazas e baixos das casas do burgo medieval, e do cal desfrutaron veciños e visitantes chegados dende diferentes puntos de Galicia, de Euskadi, Asturias, Castela e León e os irmáns de Portugal, entre eles unha representación da Cámara municipal de Santo Tirso, irmandados con Celanova. 

“Quero agradecer a vosa presencia, que nos honra, igual ca de todos vós que facedes posible Raigame”, dixo o alcalde, Antonio Puga, na entrega do premio Adolfo Enríquez que, nesta doce edición adicada aos dulceiros, tivo como protagonistas as Isoliñas, as irmáns que conquistaron aos celanoveses cos seus “bolos” e que recolleu, aos 97 anos, Concepción Fernández. “Merecían ter tamén o día dos bolos das Isoliñas e pensaremos nunha data para celebralo”, anunciou  Puga.

Te puede interesar