Ana Pontón quere “facer un Allariz en Galiza"

OURENSE. 10.09.2016 ALLARIZ, MITIN BNG. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Francisco García, Ana Pontón e Noa Presas, onte en Allariz.

Os nacionalistas insistiron na idea de que as do 25-S non son outras eleccións máis

O Campo dos Brancos, ao pé do monte do Castelo de Allariz, foi o lugar escollido polo BNG para o mitin central co que onte abriu a campaña electoral na provincia. A candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, proclamou dende o "feudo" nacionalista da provincia a necesidade de "facer un Allariz en Galicia" e aproveitar a oportunidade do 25-S "para acabar con oito anos indo cara atrás en dereitos, en servizos, en benestar social, en emprego, cara atrás na situación da nosa lingua e na nosa cultura". Acompañada da cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, a número tres e concelleira en Allariz, Maribel Poisa, e do alcalde Francisco García, Pontón proclamou que é preciso plantarlle cara ao problema dos lumes que "vai máis aló dos incendiarios e que ten a causa principal no abandono do medio rural sen unha política de aproveitamento e ordenación do territorio".

Os nacionalistas, que encomiaron o traballo feito neste eido durante o Goberno bipartito da Xunta co conselleiro alaricano Alfredo Suárez Canal, urxen un plan de rexeneración das zonas queimadas, retomar a profesionalización do dispositivo de extinción e "a posta en marcha dun contrato de sustentabilidade" para as persoas que vivan e se comprometan a conservar e custodiar o rural. Apostar polo pequeno e o mediano comercio, a necesidade de contar cun sistema de financiamento propio ou creer no potencial do pais foron outras das propostas do BNG.

Ao longo da tarde, os nacionalistas insistiron na idea de que estas non son outras eleccións máis, "senón que son un tempo novo contra as políticas que converteron a Ourense nun deserto", describiu Noa Presas, que cun discurso directo avogou polo dereito a "desobedecer nas institucións" contra aquelas políticas que non son xustas. Asemade, criticou "a proposta de Feijóo de facer un parque acuático" fronte ao éxodo dos mozos ou os incendios "que queimaron 15.000 hectáreas en Ourense".

“Os catro magníficos"

Cara ao 25 de setembro, Pontón cuestionou a presencia en Galicia de "dous deses catro magníficos", en referencia a Rajoy e Sánchez e preguntou "que nos veñen a ensinar estes, si levan un ano mareando a perdiz porque non lles gusta o que votou a xente". As verbas de Celso Emilio ou Novoneyra complementaron o discurso dos alaricanos García e Poisa, que defenderon o compromiso, a honestidade e a contrastada experiencia de que o proxecto do BNG é posible.

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S