Casado apela ao "voto útil" para que goberne Feijóo fronte á "nada" que representa o resto de partidos

21.09.16.OURENSE.PASEO.ACTO PP.PABLO CASADO,PUMER,ROSENDO FERNANDEZ,CELSO DELGADO,JESUS VAZQUEZ,RODRIGUEZ MIRANDA.
photo_camera Pablo Casado atendendo os medios na rúa Paseo.

O vicesecretario xeral de Comunicación do Partido Popular asistiu en Ourense a un acto para apoiar o candidato popular, Núñez Feijóo, na carreira pola Presidencia da Xunta

O vicesecretario xeral de Comunicación do Partido Popular, Pablo Casado, insistiu en que en Galicia o "voto útil" é votar ao PP e reclamou aos galegos que avalen a xestión de Alberto Núñez Feijóo fronte a "unha amálgama de partidos" que, nas súas palabras, "representan a nada".

Así o sinalou este mércores en Ourense, con motivo dunha visita á carpa informativa que o PP instalou no centro da cidade e onde foi recibido por membros da candidatura; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o deputado `popular` Celso Delgado; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outros.

Casado apelou ao "voto útil" dos galegos o próximo domingo, un sufraxio que cualificou como o da "moderación e o galleguismo mellor levado" fronte aos que se están a presentar contra Alberto Núñez Feijóo. Ademais, considerou que "representan a nada en programa, principios e vocación de servizo aos galegos".

Así mesmo, fixo súas unhas declaracións do expresidente da Xunta Manuel Fraga, durante a súa última campaña electoral, na que referíndose ao resto de partidos dicía que "nada máis nada, máis nada, segue sendo nada" e considerou que esta mesma situación "está a pasar nestas eleccións".

Todos contra Feijóo

Neste sentido, Casado ha feito referencia ao debate entre os cinco candidatos con máis posibilidades a gobernar a Xunta que cualificou como un "todos contra Feijóo".

"Iso recoñecérono todos, dicindo que pactarán o que faga falta con tal de apear ao PP de Galicia aínda que gañe, que xa o dan por feito", dixo ao respecto.

Por este motivo, Casado insistiu na necesidade do "voto útil" para evitar que o resultado electoral quede nun proxecto falido" e para que "sigan deixando gobernar a quen sabe facelo e leva Galicia no seu corazón".

Na súa intervención Casado tamén se referiu aos resultados que ofreceron as enquisas publicadas con motivo do 25 S, que sitúan ao PP ao bordo ou por enriba da maioría absoluta que representan 38 deputados.

A única enquisa válida, as urnas

Para Casado as enquisas "o único que fan" é dar máis "responsabilidade" ao seu partido, pero tamén "máis ambición e ilusión para ter máis votos". Non obstante, recordou que "a única enquisa válida é o día que se contan os votos" e alertou os seus militantes e votantes de que "non "hai que confiarse".

Durante o seu encontro cos medios Casado eloxiou a Alberto Núñez Feijóo do que destacou que "é un bo amigo" e unha persoa da que "todo o PP tira" á hora de facer campaña electoral.

Para Casado Alberto Núñez Feijóo é "un referente a nivel nacional", porque "xunta unha persoa con principios e as cousas clara coa xestión", fronte á importancia que se lle está a dar na actualidade a comunicar ideas "aínda que non se poidan realizar".

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S