A lingua galega, na busca dun consenso

Case tódolos partidos prometen potenciar e defender o idioma do país, mais sen acadar un acordo no seu grao de protección

Unha comunidade. Dúas linguas. Unha predominante no ámbito rural e outra no urbano. Galego e castelán. Castelán e galego. O noso Estatuto de Autonomía afirma que a lingua galega é a propia de Galicia, pero establece un estatus de cooficialidade co idioma castelán.

Ao longo da campaña electoral que rematou onte, observamos coma os candidatos á presidencia da Xunta de Galicia empregaban, na súa maioría, a lingua galega. Só a candidata de Ciudadanos, Cristina Losada, empregou o castelán na maior parte das súas aparicións públicas e mediáticas. Esta última chegou a evidenciar que tantos anos en Madrid quizáis lle tivesen influído na perda de fluídez ao expresarse en galego. Pero os observadores valoraron que algo de esforzo si que lle puña.

Na rúa semella que hai unha ampla maioría de xente que avoga por incrementar a protección institucional e lexislativa para que a perda de falantes non continúe. Mais, sen embargo, a diglosia aumenta, segundo os expertos. 

Pero que opinan os partidos políticos sobre a situación do noso idioma? Establecen medidas de incremento da súa protección no ámbito institucional?

PARTIDO POPULAR

O Partido Popular afirma que "a  política lingüística debe seguir afondando na idea de que a lingua galega é útil en calquera ámbito e para todas as funcións".

Comprométese, no seu documento programático, a elaborar unha "planificación de medidas a prol do galego no tecido socioprodutivo acordadas co propio sector", así como a "afrontar a definición e aprobación dun plan de dinamización lingüística entre a mocidade galega".

Prometen "fomentar a visibilidade do uso da lingua nas áreas comerciais e empresariais", mais en ningún momento explica de que maneira. Asemesmo, unha das súas medidas estrela radica no "incremento da presenza do ensino da lingua portuguesa en paralelo coa lingua galega", o que, na opinión dos populares, "impulsará o carácter internacional da nosa lingua e o aproveitamento dos vínculos coa lusofonía".
 
PARTIDO SOCIALISTA

Os socialistas afirman que "a lingua galega é innegociable" e urxen a "recuperar o consenso en materia lingüística en tódalas expresións da vida pública e privada".

Con todo, só contempla unha proposta neste eido –aínda que bastante ampla– e é que prometen "impulsar un pacto pola lingua que integre todas as forzas políticas e a sociedade civil, as principais institucións e entidades vencelladas á lingua galega para acadar o necesario consenso en materia lingüística, no que a lingua se converta no elemento de unión e cohesión da cidadanía". Para iso, propoñen "modernizar" o plan de normalización da lingua galega e "dotalo economicamente, desenvolvendo políticas singularizadas para reverter a perda de galegofalantes". 

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Para o BNG "a defensa e reivindicación da lingua galega debe de ser unha constante na acción do goberno galego" nun punto do seu programa dedicado de maneira exclusiva á lingua. Prometen crear unha "consellería de política lingüística" para "tornar un axente eficaz na dinamización e normalización social do idioma".

Son os que máis medidas de fomento e impulso do galego inclúen no seu programa.

EN MAREA

En Marea quere promover a "galeguización íntegra da administración pública galega". Propoñen redactar un novo "plan director no que estean implicados todos os axentes relacionados co traballo coa lingua". Apostan pola transversalidade da política lingüística e prometen desenvolver na súa integridade "a Lei Paz Andrade" se chegan ao goberno.

CIUDADANOS

Ciudadanos é o único que presenta o seu programa redactado en castelán. Existe unha total ausencia de referencias específicas á lingua galega.

DEMOCRACIA OURENSANA

Os de Jácome non recollen no seu programa ningunha medida concreta relacionada coa lingua galega. Só no referente ao ensino, prometen "a implantación dun trilingüísmo real" entre o castelán, o inglés e o que eles denominan "galego-portugués".

COMPROMISO POR GALICIA

Os de Bascuas propoñen, entre outras cousas, a creación dun "ente independente en defensa da lingua galega, ante o desleixo actual da Real Academia Galega na defensa do idioma".

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S