INDUSTRIA

A artesanía galega abre novas vías de negocio nos mercados internacionais

A empresa artesá galega está a apostar pola internacionalización, para o que está a ser clave a promoción da marca Artesanía de Galicia como símbolo de calidade en todos os mercados. Para seguir avanzando neste eido, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha unha nova convocatoria de axudas dotada con 225.000 euros

Mediante este programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata 31 de maio, os titulares de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Galego de Artesanía poden obter apoios de ata 7.000 euros para participar como expositor en feiras nacionais ou internacionais, así como para accións comerciais emerxentes de carácter temporal e presentación de produtos en pop ups, corners e showrooms.

No tocante ás asociacións profesionais poden sumar ata 30.000 euros para a organización de feiras e ata 15.000 euros para participar como expositores en citas nacionais ou internacionais; mentres que no caso dos concellos, as axudas para a organización de feiras poden chegar ata os 15.000 euros. 
A través desta convocatoria, o ano pasado a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu axudas por máis de 150.000 euros para fomentar a promoción comercial da artesanía galega, dos que se beneficiaron un total de 23 obradoiros artesanais, 8 concellos e a Asociación Galega de Artesáns.

Así, apoiouse a participación de profesionais en encontros como Homi ou Euroluce en Milán, Bijorhca e Maison&Objet, en París; e outros a nivel nacional como Bisutex, Momad, Intergift ou Madridjoya, en Madrid, ou Expohogar en Barcelona, contribuíndo así á busca de novas oportunidades de negocio.
Ademais, colaborouse cos concellos na organización da Mostra de Olería de Buño (Malpica); a Mostra do Encaixe de Camariñas; a Mostra de Artesanía Artelemos Nadal (Monforte), o encontro Alfaroleiros (Oleiros); a Feira de Artesanía de Cambados; a Feira da Artesanía do Ferro (Riotorto); a Feira de Artesanía de Outeiro de Rei e a Feira Tradicional Outrora de Bóveda. Por outra banda, respaldouse tamén a organización por parte da Asociación Galega de Artesáns das feiras Mostrart, na Coruña, e Ofeitoamán, en Vigo.

Esta liña de axudas enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, que busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. 

Ao abeiro deste Plan sumáronse máis de 20 puntos de venda para a marca en países como Suecia, Reino Unido, Finlandia, Estados Unidos, Bélxica, Alemaña ou Xapón. Ademais, Artesanía de Galicia ten organizado ou colaborado en máis de 400 accións de interese artesanal en localidades galegas, nacionais e internacionais.

Entre outras actuacións, téñense realizado máis de 45 accións formativas que contaron con preto de 600 participantes, centradas tanto na especialización e a mellora continua como na captación de novos profesionais para o sector.

Recoñecemento ao talento
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a segunda edición dos Premios Artesanía de Galicia, cos que se busca recoñecer o talento dos artesáns da comunidade galega, ao tempo que se pretende impulsar a innovación e a remuda xeracional neste eido. 
Os galardóns, enmarcados dentro do Plan de Artesanía de Galicia, permiten a posta en valor do sector artesanal galego, divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade, potenciar a creatividade, promover a captación do talento dentro do sector -facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada-, impulsar o relevo xeracional, así como apostar pola introdución da innovación e do deseño en todos os procesos de produción.
En total, existen tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2016, dotado con 6.000 euros e dirixido aos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia; Premio Traxectoria, un recoñecemento honorífico ao conxunto da traxectoria dun artesán; e a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 3.000 euros para investir en formación e que ten como obxectivo que novos talentos poidan profesionalizarse e acceder ao sector. O prazo para presentarse aos premios está aberto ata o próximo 14 de xuño. 

Na última edición dos Premios Artesanía de Galicia recoñeceuse o traballo da ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada, que recibiu o premio Artesanía de Galicia; presentando a peza con lema Sen lastre. O traballo desta ceramista e deseñadora de xoias é como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións nos que a autora destila as súas vivencias, e amosa a súa persoal visión do micro mundo ao que remiten os seus traballos.O artesán de Aguiño Domingo Ayaso, carpinteiro de Ribeira, obtivo o galardón Traxectoria. Ayaso tense dedicado ao longo da súa traxectoria profesional a preservar, transmitir e difundir o patrimonio marítimo galego, especialmente as potencialidades da dorna, construíndo máis de 500 embarcacións deste tipo no seu obradoiro. 

Ten colaborado con distintas entidades e estamentos, entre eles co Aquarium Finisterrae da Coruña, onde se pode ver unha dorna de máis de 50 anos de antigüidade construída polo seu pai e que Domingo Ayaso recuperou; así como co Museo do Pobo Galego, para o que construíu unha embarcación.

E logrou o premio Bolsa Eloy Gesto a ceramista coruñesa Verónica Moar, que estudou o ciclo superior de Cerámica Artística na EASD Pablo Picasso, e que ten participado en diferentes exposicións e colaborado con artistas como David Pintor.

Te puede interesar