INDUSTRIA

Galicia aposta pola competitividade e a innovación no sector forestal

Bosque de pinos y aserradero para suplemento Euro
12-12-14
photo_camera Galicia é a novena potencia forestal a nivel europeo.

A industria forestal é un dos sectores estratéxicos da economía galega. Cunha facturación de 2.000 millóns de euros anuais, un total de 3.000 empresas e máis de 80.000 familias que viven de xeito tanto directo como indirecto deste sector, Galicia é a novena potencia forestal a nivel europeo. Por este motivo a Xunta vén de autorizar a creación da Axencia Galega da Industria Forestal, un novo organismo, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Esta Axencia ten por obxectivo impulsar a actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

O Goberno galego publicou o decreto de creación desta nova axencia e os seus estatutos, normativa que entrará en vigor o vindeiro 26 de setembro, paso previo á súa constitución. Os órganos de goberno da Axencia Galega da Industria Forestal serán a presidencia, que exercerá o titular de Economía, Emprego e Industria, e o Consello Reitor. Posteriormente, nomearase á persoa que asumirá a dirección do organismo.

Apoio ás pemes do sector

As actuacións da Axencia Galega da Industria Forestal irán destinadas ás pequenas e medianas empresas que conforman a cadea forestal, e que pertencen a subsectores como a explotación forestal, na que se inclúen traballos de corta, de silvicultura e comercialización de madeira en bruto; a primeira transformación, á que se dedican sobre todo os serradoiros; e a segunda transformación, da que forman parte os traballos de carpintería e mobles, madeira tratada e elaborada, fabricación de portas e ventás, embalaxes e industrial, entre outros.

O apoio ás pemes pretende consolidar a industria forestal como sector estratéxico da economía galega, así traballarase en diversos eidos como o incremento do valor dos produtos intermedio e final da cadea forestal, o fomento do emprego de calidade mediante a incorporación de persoal cualificado, o impulso da innovación tecnolóxica e a presencia en novos mercados.

Para conseguilo, a Axencia baseará as súas actuacións na colaboración participativa, e será o interlocutor da Administración ante os axentes económicos vinculados a esta industria para impulsar o sector cara aos seus retos de futuro, facéndoo máis competitivo a través da innovación e a diversificación, favorecendo a transferencia de coñecemento entre empresas e centros públicos de investigación forestal e mellorando a cualificación dos profesionais que traballan neste sector. 

Medidas para impulsar o sector

Entre as súas competencias e funcións, están a de fomentar e desenvolver programas de asesoramento e de actividades científicas centradas no ámbito forestal, participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos seus fins, ou organizar programas de formación e reciclaxe profesional neste ámbito.

Tamén impulsará a nova Axencia a colaboración con centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector forestal traslade á Administración por consideralas do seu interese. Ademais, xestionará subvencións nos asuntos da súa competencia, e deseñará estratexias e programas de captación de fondos estatais e internacionais dirixidos á innovación e á biotecnoloxía forestal.

O novo organismo tamén se encargará de promover e apoiar o crecemento de novas empresas de aproveitamento e transformación de produtos do monte destinados á industria forestal no medio rural, incidindo especialmente na segunda e seguintes fases de transformación industrial do recurso, por ser as que proporcionan un maior valor engadido ao produto e reportan maiores beneficios globais.

Do mesmo xeito, desenvolveranse programas específicos para poñer en valor os produtos da industria forestal que faciliten a súa integración con empresas de deseño especializadas, ao tempo que se poñerá en marcha unha marca colectiva única que facilite a integración das diversas actividades produtivas da industria forestal: materia prima, deseño, industrialización e comercialización. 

UN NOVO COWORKING PARA O SECTOR FORESTAL

Dentro da rede de coworkings que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a ofrecer en Galicia en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), a nova edición contará cun centro específico adicado ao sector forestal. 

A nova aceleradora de empresas, que se situará no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, é unha aposta pola incorporación de ideas innovadoras para o desenvolvemento da industria forestal galega.

O obxectivo é lograr apoiar proxectos que potencien o aproveitamento sustentable dos recursos forestais, exploren novos usos da madeira e introduzan a innovación para acadar unha maior expansión comercial. Contará, para a coordinación das actuacións, co Clúster da Madeira, os colexios oficiais de enxeñeiros deste ámbito e coa Universidade co fin de poñer en valor o sector forestal. Este novo coworking, xunto co de Vilanova, súmase aos existentes, en colaboración coa EOI, en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Celanova. 

Te puede interesar