INDUSTRIA

Os parques empresariais activan novos proxectos para ser máis competitivos

photo_camera Imaxe dun parque empresarial da provincia de Ourense.

Este ano desenvólvense 69 iniciativas en eidos como o aforro e a eficiencia enerxética, a depuración de augas, a xestión de residuos ou as vías de acceso nos parques empresariais galegos. 

O impulso e modernización dos parques empresariais é un aspecto clave para promover a actividade económica nos municipios contribuíndo á xeración de postos de traballo. Por iso, a Consellería de Economía e Industria resolveu recentemente unha nova convocatoria do programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos, que este ano sumou preto de 5 millóns e permitirá impulsar a mellora da competitividade industrial en 55 concellos galegos. Este programa súmase ao importante labor de colaboración que a Consellería está a desempeñar coas administracións locais. 


De feito, a partida orzamentaria vese incrementada en medio millón de euros con respecto á anterior edición, sumando a contía máis importante dos últimos 6 anos. Apóianse así distintas iniciativas que abarcan eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia. Trátase dun total de 69 proxectos, que poden chegar a alcanzar un apoio máximo de 120.000 euros por iniciativa. 


Cómpre salientar que cerca da metade dos concellos beneficiados encádranse nas provincias de Lugo e Ourense, correspondendo á provincia da Coruña o 40% e á de Pontevedra preto do 20%. Para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que nos últimos 6 anos leva destinados máis de 21 millóns de euros a este programa. 


Trala finalización dos traballos, teranse impulsado preto de 300 proxectos nos parques empresariais galegos desde o 2009, contribuíndo á mellora das infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade co obxectivo de atraer investimentos para os concellos galegos. 
Rebaixas
O impulso aos parques empresariais por parte da Xunta está reflectido na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que entre as súas primeiras medidas activou unha rebaixa de ata o 50% no custo do metro cadrado do solo industrial dependente da Xunta, unha iniciativa que leva asociada o financiamento de ata o 40% do custo dos proxectos por parte do Igape.

A Axenda é unha estratexia consensuada con 120 axentes económicos e sociais, coa que a Xunta busca reinventar a industria galega ata que sume o 20% do PIB, creando 50.000 novos empregos ata 2020. Para acadar ese obxectivo, o Goberno galego destinará, durante o período 15-16, 120 millóns de euros para xerar investimentos de 500 millóns. Esta folla de ruta desenvólvese a través de cinco eixes de actuación: factores territoriais de competitividade, persoas e organizacións, crecemento, innovación e mercados.

Fontes renovables
Outra das liñas de actuación da Consellería de Economía e Industria que contribúe á competitividade do tecido empresarial galego é a aposta polo emprego das fontes renovables e pola eficiencia enerxética. Neste eido, un dos programas que ven de resolverse é o de apoios para proxectos de enerxías renovables, que permitirá impulsar preto de 300 proxectos que xerarán un aforro económico conxunto de 6 millóns de euros durante os quince anos de vida útil dos equipos. Este programa de actuacións, promovido polo Inega, contempla tres liñas centradas na instalación de equipos de xeotermia, aerotermia e solar térmica, que mobilizarán un total de 3,5 millóns de euros. Os beneficiarios son empresas, concellos e particulares, contribuíndo a reducir a factura enerxética das familias e do sector público, así como os custos de funcionamento das empresas para mellorar a súa competitividade. 


Os beneficiarios da orde, como sucede coas de caldeiras de biomasa, poderán solicitar a dedución do 5% na súa declaración da renda, establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación de equipos que empreguen fontes renovables
No marco da iniciativa, encádrase o plan específico para a implantación de equipamentos de xeotermia, que impulsa o uso dunha enerxía barata e autóctona que busca, por unha parte, xerar valor e emprego, e que supón unha redución da dependencia enerxética dos derivados do petróleo.Neste senso, cabe dicir que unha instalación de xeotérmica permite aforros económicos que chegan ata o 70% en comparación con outras fontes de enerxía. Desde xeito, un destes equipos diminúe en máis de 700 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasoleo, cifra que se sitúa en torno a uns 12.000 euros para unha comunidade de propietarios.


Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Vivenda Galega 2015, que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que beneficiará este ano a preto de 3.000 fogares galegos. A través deste plan, sumado á orde de axudas para a instalación de caldeiras de biomasa, o Goberno galego contribúe a o aforro e a eficiencia enerxética nos nos fogares, nas empresas e na administración pública.

Te puede interesar